Xi emprende unha intensa axenda diplomática para promover a paz global e lanza unha proposta de catro puntos para acabar coa guerra no Irán
Xi Jinping, o presidente da China, foi rotundo esta terza feira á hora de criticar os embates contra a orde internacional, concluíndo que está actualmente nunha situación de "caos". "A orde internacional está a decaer e caendo no caos", declarou durante a reunión co seu homólogo español, Pedro Sánchez, en Beijing.
Ao lamentar que o mundo se atopa en desorde, o chinés tamén se pronunciou sobre a agresión dos Estados Unidos e Israel contra Irán, comprometéndose a desempeñar un papel construtivo en Oriente Medio. Así o fixo ao falar sobre as relacións co Estado español, instando as dúas partes a "mellorar a comunicación, consolidar a confianza mutua e cooperar estreitamente" para "oporse a calquera retroceso cara á lei da selva" e "defender conxuntamente o verdadeiro multilateralismo".
Xi subliñou que ambas as partes deben salvagardar o sistema internacional coas Nacións Unidas no seu núcleo e a orde internacional baseada no Dereito Internacional, promover un mundo multipolar igualitario e ordenado e unha globalización económica universalmente beneficiosa e inclusiva, así como avanzar na construción dunha comunidade cun futuro compartido para a humanidade.
"China está firmemente decidida a impulsar a modernización chinesa e ten unha visión ampla para compartir oportunidades de desenvolvemento co mundo mediante unha apertura de alto nivel", dixo Xi, engadindo que a China inxectará confianza e impulso ao crecemento global a través do desenvolvemento propio.
Antes de reunirse con Xi, Sánchez denunciou que "aqueles que alzamos a voz en contra daqueles Gobernos que están a violar o Dereito Internacional, temos que vernos contraditoria e paradoxalmente sometidos á ameaza deses países". Con todo, manifestou que o seu Executivo seguirá "ao lado correcto da historia", empregando as mesmas palabras posteriormente pronunciadas polo seu homólogo chinés a este respecto.
Xa despois da reunión, o presidente do Goberno español dixo esperar que a China poida intervir para pór fin á guerra do Irán, iniciada polos Estados Unidos e Israel, e considerou que é practicamente o único actor que pode atopar vías diplomáticas para desescalar a situación. "Antóllaseme moi difícil atopar outros interlocutores que poidan desanoar esta situación provocada no Irán e no estreito de Ormuz, máis aló da China", trasladou. "Creo que con isto dígoo todo", acrecentou no marco da súa visita a Beijing.
Proposta de paz
Precisamente, Xi reuniuse esta terza feira co xeque Khaled bin Mohamed bin Zayed Al Nahyan, príncipe herdeiro de Abu Dabi e presidente dos Emiratos Árabes Unidos, a quen trasladou unha proposta de catro puntos para promover a paz e a estabilidade en Oriente Medio.
A proposta chinesa expón unha serie de principios a seguir para retomar a paz e a estabilidade, incluíndo que as partes se adhiran ao principio de coexistencia pacífica, ao respecto á soberanía, ao Estado de Dereito internacional e sigan o principio de coordinación para cuestións de seguridade.
En concreto, a iniciativa chinesa recalca que os países de Oriente Medio e a rexión do golfo Pérsico son "interdependentes e veciños inseparábeis". Polo tanto, destaca esta proposta, "deben facerse esforzos para apoiar estes países para mellorar as súas relacións, e é imprescindíbel promover a construción dunha arquitectura de seguridade común, integral, cooperativa e sostíbel". Debe manterse o principio do Estado de Dereito internacional sen a súa "aplicación selectiva", subliñan as autoridades chinesas na súa iniciativa, na que tamén recalcan a necesidade de evitar que o mundo "retroceda cara á lei da selva".
Neste sentido, o portavoz do Ministerio de Exteriores da China, Guo Jiakun, denunciou que o bloqueo do estreito de Ormuz anunciado polos Estados Unidos é "perigoso e irresponsábel", e lamentou que este feche perimetral estadounidense "unicamente exacerbará as tensións" na rexión. Desta maneira, indicou que, "a pesar do feito de que as partes enfrontadas alcanzaron un cesamento do fogo temporal, os Estados Unidos provocaron un aumento da tensión a nivel militar mediante o bloqueo" nesta zona.
Rueda visitará a China
Segundo informou esta terza feira o Goberno galego, coincidindo coa xornada na que Pedro Sánchez se reuniu con Xi Jinping en Beijing, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, prevé desprazarse a próxima semana á China para explorar relacións comerciais e en materia de turismo –co foco no Xacobeo 2027–. A viaxe, na que tamén participará a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, comezará o 23 de abril con encontros en Xangai, e continuará na capital chinesa durante os dous días posteriores.
Italia e Alemaña
As críticas de Xi contra os embates de Israel (e os Estados Unidos) contra o Dereito Internacional non foron os únicos choques diplomáticos esta terza feira para o Estado sionista. A primeira ministra de Italia, Giorgia Meloni, anunciou a suspensión da renovación do acordo de defensa entre o país europeo e Israel, asinado en 2003 e que implica o intercambio de equipamento militar e outras tecnoloxías, no medio das tensións pola ofensiva dos EUA e Israel contra Irán e os ataques israelís contra o Líbano e a Faixa de Gaza.
Ademais, o ministro de Finanzas de Israel, Bezalel Smotrich, cargou duramente contra o chanceler de Alemaña, Friedrich Merz, despois das súas críticas ás autoridades israelís pola situación en Cisxordania e recalcou que "non volverán os tempos nos que os alemáns ditaban aos xudeus onde podían ou non podían vivir".
China e Rusia afianzan a cooperación bilateral ante "as graves turbulencias"
Os contactos chineses foron intensos e non se cinguiron unicamente ás reunións do presidente, Xi Jinping, cos seus homólogos español e emiratí, Pedro Sánchez e Khaled bin Mohamed bin Zayed Al Nahyan. O ministro de Exteriores da China, Wang Yi, mantivo unha xuntanza co seu homólogo ruso, Sergei Lavrov, en Beijing, que esta terza feira foi capital da diplomacia.
Wang instou ambas as partes a seguir mantendo a coordinación estratéxica nos principais asuntos internacionais e rexionais, unir forzas para practicar o multilateralismo e a moralidade internacional, e avanzar conxuntamente no proceso de multipolarización mundial. O chinés destacou que a situación internacional actual está a experimentar unha grave turbulencia, que o sistema de gobernanza global está a experimentar profundos axustes e que a causa da paz e do desenvolvemento humanos enfronta graves desafíos.
Lavrov coincidiu co seu homólogo en que a situación internacional actual enfronta graves desafíos, agregando que algúns países intentan formar "pequenos círculos" para conter Rusia e a China. Por outra parte, o ruso mostrou a disposición do Kremlin para aliñarse coas iniciativas globais propostas pola parte chinesa. Ademais, puxo en valor a visión da Grande Asociación Euroasiática e a arquitectura de seguridade euroasiática que propón Moscova.
Wang e Lavrov asinaron ao remate da reunión o plan de consulta 2026 dos ministerios de Asuntos Exteriores de ambos os países, nunha xuntanza que tamén serviu para preparar unha futura cimeira entre o presidente da China, Xi Jinping, e o seu homólogo ruso, Vladimir Putin.



