A tripla ameaza que atafega o Corno de África: COVID-19, inundacións e lagostas

Unha segunda vaga de lagostas do deserto, aínda máis agresiva, invade o leste de África estes días. A praga súmase a outros dous desafíos que afronta a rexión, especialmente Etiopía, Quenia e Somalia: a COVID-19 e as inundacións. A FAO estima que a pobreza e a fame se incrementarán dramaticamente.
lagosta
photo_camera Os enxames actuais xa son os máis grandes na rexión en décadas, 20 veces maiores que os anteriores (fao.org)

O retumbar dos cascos do cabalo negro da Apocalipse xa se escoita en todo o leste de África. As inundacións, a pandemia da COVID-19 e, nos últimos días, unha segunda vaga de lagostas do deserto de proporcións bíblicas anuncian e preparan a súa chegada. A fame cabalga de novo polo Corno de África

Miles de familias perderon os seus fogares como consecuencia das chuvias torrenciais das últimas horas en Quenia, que causaron ademais un cento de mortes, segundo informou a Cruz Vermella do país. Chuvias que foron extraordinariamente abundantes durante o último ano en toda a rexión. 

As destes días coinciden coa época da sementeira, no medio ademais das restricións polo coronavirus. As intensas inundacións levaron por diante as colleitas previas, provocando un incremento exponencial dos prezos dos alimentos. 

Desde Etiopía até Tanzania e desde Somalia até Sudán do Sur e a República Democrática do Congo, a auga caída deixou poboacións enteiras neste territorio ao límite da supervivencia.

Pragas e crise ambiental

Ao igual que as zoonoses como a COVID-19 son produto directo da explotación intensiva e destrución do ambiente, os organismos expertos relacionan co cambio climático este fenómeno de intensas chuvias torrenciais, que deixou o terreo fertilizado para a lagosta do deserto instalarse e reproducirse masivamente. Miles de millóns destes insectos devoran centos de miles de hectáreas de cultivos desde hai meses, principalmente nos países do Corno de África

A Organización da ONU para a Alimentación e a Agricultura, máis coñecida polas súas siglas en inglés, FAO, lanzou un primeiro sinal de alarma no pasado mes de xaneiro e un posterior a finais de febreiro. Agora, de novo, vólveo facer por terceira vez: a pobreza e a fame incrementaranse dramaticamente por causa dos insectos. 

Porque a acción necesaria para controlar a praga non se levou a cabo, cun mundo inmerso ademais en combater a outra praga, a do coronavirus. Porque nos últimos días unha segunda vaga, máis abundante e máis agresiva, está a acabar cos poucos cultivos que quedan. Porque se non se controlan axiña, alerta a ONU, os enxames poderían ser até 400 veces máis grandes en tan só un mes e afectar tamén as colleitas de metade de ano.

Eiva operativa e económica

Os enxames actuais xa son os máis grandes na rexión en décadas, 20 veces maiores que os anteriores, dos que proveñen. Segundo David Hughes, biólogo da Universidade Estatal de Pensilvania, experto da FAO neste asunto, as lagostas ameazan o subministración de comida para 23 millóns de persoas, converténdose na principal ameaza para a seguridade alimentaria de toda a rexión de África Oriental

Os Gobernos da zona están a traballar para conseguir traxes de protección, pesticidas e fumigadores suficientes, mais o seu labor está a ser aínda máis complicado nestes momentos debido a que a pandemia da COVID-19 tamén afectou a cadea de subministración. 

A dificultade para conter a praga medra cada día que pasa en paralelo ao aumento no número e tamaño dos enxames. Segundo os oficiais da FAO sobre o terreo, axiña está controlada unha colonia de lagostas nunha rexión, xa hai máis atacando noutras zonas. Ademais, é complicado controlalas á vez porque a maioría das veces están en diferentes fases de evolución. Todas estas, operacións que requiren moito persoal, limitado nos seus movementos ante as restricións polo coronavirus.

A FAO cifra agora en 153 millóns de dólares (141 millóns de euros) o custo do operativo en toda a rexión. Unha cifra inicial, da que xa se recibiron dous terzos, que será necesario incrementar por culpa das inundacións e da escaseza de alimentos. 

Ademais, a situación pode levar a que os Gobernos dos países afectados se vexan na obriga de asumir máis débedas ─e os compromisos que estas carrexan─con organismos internacionais como o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial. Tamén coa China, o maior investidor e acredor de todo o continente africano.

Comentarios