O leste de África, ante unha "praga bíblica"

"Actuar agora para previr unha crise alimentaria é unha actitude máis humana, efectiva e economicamente máis eficiente que responder despois ás consecuencias do desastre", di a ONU en referencia á praga de lagosta que ameaza o leste de África.
lagosta
photo_camera A lagosta do deserto chegou a África procedente da Península Arábiga durante o pasado ano 2019 (un.org)

Lese no capítulo 10, versículos 12-15, do libro do Éxodo: "O Señor díxolle a Moisés: 'Estende a túa man sobre Exipto, e que entre a lagosta por todo o país, que coma a herba dos campos e o que quedou do pedrazo'. (...) A lagosta entrou por todo o país e pousouse en toda a terra de Exipto (...) Cubría a superficie da terra, até escurecela. (...) En todo o Exipto non quedou chisca de verde, nin nas árbores nin nos campos". 

Non obviou a ONU a referencia á Biblia (editada en galego por SEPT, 1989) no informe que emitiu nas últimas horas alertando da situación que se está a vivir nos países do leste do continente africano por causa da praga da lagosta do deserto. "É unha praga de dimensións bíblicas", sinalan, "aínda que, por antiga que sexa, a súa escala actual non ten precedentes nos tempos modernos", afírmase.

A Organización da ONU para a Alimentación e a Agricultura, máis coñecida polas súas siglas en inglés, FAO, lanzou un primeiro sinal de alarma en xaneiro, solicitando axuda financeira para conter a praga. Porén, os fondos suficientes non acaban de chegar. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios