venres 24/09/21

Sturgeon, camiño da maioría absoluta

A publicada hoxe é a 18ª enquisa seguida cun apoio maioritario á independencia de Escocia. A sondaxe tamén dá a maioría absoluta ao SNP nas eleccións do 6 de maio grazas á puxante figura da súa líder. A tamén primeira ministra defende que Londres debería aceptar o 'indyref2' de se confirmar esta ampla vitoria nas urnas. 
EuropaPress_3323430_17_september_2020_scotland_edinburgh_scottish_first_minister_nicola
O SNP podería recoller os froitos da xestión da pandemia realizada pola súa líder á fronte do Goberno (Foto: Russell Cheyne / PA Wire)

O Partido Nacional Escocés (SNP, polas súas siglas en inglés) vai camiño de conseguir unha ampla vitoria nas eleccións ao Parlamento nacional previstas para o vindeiro 6 de maio. De feito, aumentaría en oito o número de representantes en Holyrood con respecto aos anteriores comicios de 2016, atinxindo a maioría absoluta. 

Así se desprende da enquisa publicada hoxe por un dos principais diarios de referencia do país, The Scotsman, onde tamén se recolle un apoio maioritario entre a poboación á independencia escocesa do Reino Unido. Elaborada pola empresa Savanta ComRes, a sondaxe outórgalle ao SNP 71 dos 129 asentos no Parlamento escocés (actualmente conta cun total de 63). 

A última vez que este partido nacionalista conseguiu a maioría absoluta foi nas eleccións de 2011, cando sumou 69 representantes baixo o liderado de Alex Salmond. Aquela clara vitoria levou ás negociacións co Goberno británico para a convocatoria dun referendo de independencia. Este tivo lugar finalmente o 18 de setembro de 2014.

O Goberno escocés, presidido pola actual líder do SNP, Nicola Sturgeon, leva meses insistindo na necesidade dunha nova consulta popular, unha reclamación que gañou intensidade tras se confirmar a saída do Reino Unido da Unión Europea. Sturgeon, o seu Executivo e o SNP avogan por que Escocia se converta nun Estado independente dentro da UE. Porén, Londres oponse a un novo referendo ─o popularmente coñecido como indyref2─ alegando que o organizado en 2014 era "único nunha xeración"

Secesionismo á alza 

Daquela, a poboación escocesa votou 55%-45% en contra da independencia, mais o Brexit e a xestión da pandemia da Covid-19 por parte do Goberno do primeiro ministro británico, Boris Johnson, fixeron medrar o apoio á opción secesionista. A enquisa publicada onte ─tal e como se encargaron de recalcar a través das redes sociais os simpatizantes do SNP─ é a 18ª consecutiva en que o 'Si' á independencia de Escocia do Reino Unido se impón. En concreto, 51% votaría a favor; 38%, en contra; e 10% manifestou a súa indecisión. Deixando fóra da ecuación os indecisos, o resultado puro estaría en 57%-43%.

Malia a oposición por parte de Johnson, Sturgeon leva tempo defendendo que unha ampla maioría do SNP nas eleccións parlamentarias do 6 de maio equivalería a un "mandato popular" a respecto da convocatoria do indyref2. A enquisa sinala que arredor de 40% considera que o referendo debería ser convocado dentro dos dous próximos anos, porcentaxe que aumenta até 52% cando o prazo se estende até antes das seguintes eleccións a Holyrood, en 2026.

Covid e fuga de votos

Entre o 8 e o 13 de xaneiro foron consultadas para a elaboración da sondaxe 1.016 persoas de máis de 16 anos (en Escocia, os cidadáns de 16 e 17 anos poden votar desde 2015). Unha relevante porcentaxe mellorou a percepción de Nicola Sturgeon grazas á súa xestión da pandemia. En concreto, 22% dos votantes afirmaron que, en caso de facelo, esta sería a principal razón para dar o seu voto ao SNP: destes, 37% optaron polo Partido Laborista nas eleccións ao Parlamento británico de 2019 e 13%, polo Partido Conservador.

E a respecto da visión que teñen da primeira ministra, fóra da súa opción de cara ás urnas, 46% dos votantes laboristas e 36% dos conservadores melloraron a valoración que dela tiñan previamente á pandemia. No total de electores, esta opinión compártena 59%. Esta crecente popularidade de Sturgeon ─apunta The Scotsman─ preocupa especialmente no Partido Laborista, cuxos votantes son os máis proclives a dar o salto cara ao SNP.

De se cumprir o prognóstico desta última enquisa, o Parlamento escocés ficaría configurado da seguinte maneira: SNP, 71 asentos (8 máis que en 2016), Partido Laborista, 21 (3 menos), Partido Conservador, 17 (14 menos), Os Verdes, 11 (5 máis) e Demócratas Liberais, 9 (4 máis).

O ultradereitista Nigel Farage, un involuntario aliado da independencia

Nigel Farage, líder do Brexit Party (Partido do Brexit), renomeado este ano como Reform UK (Reformar o Reino Unido), podería servir de inesperada axuda ao independentismo escocés. A formación de Farage ─que como máximo dirixente do seu antigo partido, o UKIP (Partido pola Independencia do Reino Unido), serviu de catalizador do Brexit─ ten previsto presentarse ás eleccións do 6 de maio como paladín do unionismo británico.

Porén, segundo a análise do experto demoscópico John Curtice para The National, a súa entrada no panorama político escocés só servirá para dividir e debilitar a dereita unionista, arrastrando os electores do Partido Conservador que votaron a prol do Brexit. Un percorrido que non contempla para os do SNP que tamén optaron pola saída do Reino Unido da Unión Europea ─arredor dun terzo─.

comentarios