O apoio á independencia escocesa atinxe un novo máximo histórico

A sondaxe publicada por The Times tamén suxire que o Partido Nacional Escocéscamiña cara a unha maioría sen precedentes no Parlamento escocés.
P&J Live, Aberdeen
photo_camera A primeira ministra de Escocia, a nacionalista Nicola Sturgeon, nun acto do independentista Yes Scotland (yes.scot)

A maioría da cidadanía de Escocia apoia a independencia do Reino Unido, segundo a última enquisa de YouGov para o xornal The Times, onde se reflicte que a mellor xestión da pandemia fronte a Londres impulsou a suba con respecto a anteriores sondaxes. 

O inquérito, elaborado entre o 6 e o 10 de agosto, sinala que 53% das 1.142 persoas consultadas votarían a prol da independencia nun hipotético segundo referendo, dous puntos máis que en xaneiro, atinxindo desta maneira a maior porcentaxe rexistrada nunca polas enquisas de YouGov.

O partido de Goberno en Escocia, o Partido Nacional Escocés (SNP, nas siglas en inglés), defende que ten o dereito a convocar unha nova consulta, a popularmente coñecida como indyref2. Na primeira, organizada en 2014, o 'Non' á independencia impuxérase por dez puntos (55%-45%). O primeiro ministro británico, Boris Johnson, considera que ese resultado foi decisivo e debe ser respectado.

A sondaxe para The Times tamén suxire que o SNP camiña cara a unha maioría sen precedentes no Parlamento escocés. As eleccións lexislativas están previstas para o 6 de maio do ano que vén. Unha vitoria indiscutida da formación nacionalista levaría á intensificación da confrontación con Londres.

O incremento no apoio á independencia ten relación tamén co diferente criterio seguido polos Gobernos escocés e británico á hora de xestionar a pandemia: 72% das persoas consultadas consideran que a primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon, o está a facer ben ou moi ben, por tan só 20% no caso de Johnson.

Escocia ten as competencias sanitarias e desde o inicio da pandemia o Executivo de Sturgeon mantivo unha actitude máis precavida que o de Johnson. Desde mediados de xullo non se rexistraron mortes pola Covid-19 en territorio escocés, en tanto que a nivel estatal a cifra roza as 1.400.

Comentarios