Estas son as predicións de Oliver Stone sobre a guerra de Ucraína

"Pregúntome se os EUA están a preparar o escenario para unha explosión nuclear no Donbás e culpar Rusia", sostén o cineasta e ex militar estadounidense.
O cineasta Oliver Stone cre que os EUA preparan un ataque de falsa bandeira no Donbás. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera O cineasta Oliver Stone cre que os EUA preparan un ataque de falsa bandeira no Donbás. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O cineasta e ex militar estadounidense Oliver Stone vén de compartir unha pequena análise a respecto das "intencións" dos Estados Unidos de América (EUA) na guerra de Ucraína, un conflito sobre o que, segundo Stone, paira a ameaza nuclear.

"Observei con crecente temor estas últimas semanas como Victoria Nuland [subsecretaria de Estado de Asuntos Políticos] máis unha vez saíu da nada, advertindo aos rusos e a nós, o seu público obxectivo, que se os rusos usan un dispositivo nuclear de calquera tipo, haberá moito que pagar", expón.

Stone cuestiona que os medios de comunicación e representantes públicos "amplificasen" a idea de que Rusia "estaba a volverse nuclear" cando, afirma, a política nuclear de Vladimir Putin "non é tan agresiva" como a dos EUA.

"Por que repetir isto unha e outra vez?". Esa é a pregunta que o cineasta deixa no ar e que el mesmo responde coa súa teoría propia: "Pregúntome se os EUA están a preparar o escenario para unha explosión nuclear de baixo rendemento, de orixe descoñecida, nalgún lugar da rexión do Donbás".

No caso de que iso acontecese, indica, "todos os ollos do mundo estarían adestrados, como un can de Pavlov, para culpar Rusia". Unha culpa que, a ollos de Stone, "xa se estabeleceu con anterioridade, independentemente de quen lance o dispositivo".

A percepción, e non a verdade, sostén o cineasta, "é o que está en xogo". "Os EUA están a facer unha guerra de percepción con grande habilidade e forza contundente, saturando as ondas de radio de CNN e Fox e os nosos países satélite en Europa e Asia como nunca antes", asegura.

Após Rusia, engade, China tornaría no "obxectivo principal". "Este é o escenario soñado dos anarquistas neoconservadores do noso Goberno para facer o que eles consideran un mellor mundo 'baseado en regras'", conclúe.

Comentarios