Israel ataca un dos últimos hospitais activos no norte de Gaza
“O mundo debe entender que o noso hospital está a ser atacado coa intención de matarnos e desprazarnos pola forza”, advertiu a segunda feira Hussam Abu Safia, director do hospital Kamal Adwan, no norte de Gaza, un dos últimos que fica –parcialmente– en funcionamento na zona. A situación é “extremadamente perigosa e require unha intervención internacional urxente antes de que sexa demasiado tarde”, reiterou.
O doutor explicou que “os bombardeos non cesaron durante toda a noite, casas e edificios próximos foron destruídos”, e “desde esta mañá [pola de onte] o hospital foi albo de bombas lanzadas por drones, que seguen a ameazar as nosas reservas de combustíbel e oxíxeno”. “Enfrontámonos a unha ameaza constante todos os días, os bombardeos seguen a chegar de todas as partes”, incidiu Safia na terceira xornada de ataques.
Poucas horas antes, o réxime israelí ordenoulle evacuar o centro médico, algo que considerou “case imposíbel” ao non poder organizarse unha evacuación segura dos arredor de 400 civís refuxiados, canda 91 persoas hospitalizadas, incluídos bebés acabados de nacer que dependen das incubadoras.
Ao longo das últimas xornadas, os militares sionistas atacaron precisamente as incubadoras, a maternidade, a área de cirurxía especializada ou a unidade de coidados intensivos do centro, destruíndo un xerador e atacando o tanque de combustíbel que mantén activa a electricidade.
A mediados deste mes o hospital xa fora o centro dunha ofensiva israelí, con ataques aéreos e o ingreso de soldados. Catro membros do equipo médico foron asasinados nese ataque, enmarcado na destrución sistemática do sistema de saúde de Gaza.
No caso do Kamal Adwan, o ataque forma parte da operación de limpeza étnica no norte de Gaza que os sionistas iniciaron en outubro deste ano, no marco do xenocidio que perpetran no enclave desde outubro de 2023. En Beit Lahiya, localidade na que está situado o recinto, Hamás fixo público o deceso de tres militares sionistas, que se suman aos máis de 800 cuxa morte admitiu Israel.
No tocante ao bloqueo ao acceso da axuda humanitaria, a súa intensidade multiplícase no norte, e Safia lembrou que o hospital recibiu “só unha cantidade moi pequena de axuda”.
Isto foi corroborado por Oxfam, que constatou que só 12 camións con axuda humanitaria chegaron a distribuír as súas subministracións no norte de Gaza nos últimos dous meses e medio polos “atrasos deliberados e a obstrución sistemática por parte do Exército israelí”. En tres das 12 entregas, “unha vez distribuídos os alimentos e a auga na escola onde se refuxiaba a poboación, foi evacuada e bombardeada unhas horas máis tarde”.
Así e todo, os bombardeos indiscriminados de Israel tamén se estenden polo resto da Faixa, con énfase na que os sionistas autodenominaron área humanitaria de Al Mawasi, que se prolonga ao longo de 12 quilómetros pola costa desde o centro até o sur de Gaza. Máis dun millón de persoas, arredor da metade da poboación do enclave, están refuxiadas alí fuxindo dos ataques israelís, sobrevivindo en tendas de campaña ateigadas e sen servizos esenciais.
Neste contexto, para as persoas cristiás de Gaza a chegada das festas asociadas ao Nadal, por segundo ano consecutivo, prodúcese nun momento límite, con igrexas –da mesma forma que mesquitas– destruídas polos ataques israelís, e a supervivencia como obxectivo principal.
Máis dun millón de persoas necesitan con urxencia subministracións para o inverno, advertiu a Organización das Nacións Unidas (ONU), pero o bloqueo israelí impide o envío de centos de milleiros de mantas que agardan en Exipto. Pola noite, o medo frea calquera tentativa de acender un lume para non ser albo dos bombardeos.
E logo está a fame. Israel levou á desnutrición aguda toda a poboación de Gaza, subliña Bushra Khalidi, responsábel de políticas de Oxfam en Palestina, que debulla que as familias ferven follas e rebuscan no lixo restos de comida. Con pais e nais que pasan días sen comer para que as crianzas poidan facelo minimamente, “algunhas persoas piden aos seus fillos que non xoguen posto que se marearán porque non comen nin beben dabondo”.
Como mínimo 45.317 persoas foron asasinadas por Israel en Gaza desde outubro de 2023, aproximadamente 40% crianzas, e 107.713 resultaron feridas.
Nadal en Belén
Xa en Cisxordania, reactiváronse os choques entre as forzas de seguridade da Autoridade Palestina e grupos de combatentes en Xinin, despois do intento das primeiras de reprimir a actividade armada dos segundos, críticos pola colaboración do organismo con Israel a nivel de seguridade. Ao tempo, un ataque israelí contra Sa’ir, no nordés de Hebrón, desencadeou combates con forzas da resistencia palestina.
Precisamente no centro de Cisxordania está Belén, unha vila que dá nome á escena bíblica que as persoas cristiás colocan nestas datas nas súas casas. Por segundo ano o Concello decidiu suspender as celebracións de Nadal para “amosar ao mundo que o pobo palestino aínda está sufrindo e non ten a alegría que todos os demais no mundo teñen”, indicou o alcalde, Anton Salman.
Netanyahu volve declarar por corrupción e suborno
O primeiro ministro do Goberno de ultradereita israelí, Benjamin Netanyahu, declarou a segunda feira por quinta ocasión no xuízo que afronta por corrupción e suborno, logo de lograr dilatar un proceso no que se presentaron os cargos contra el hai un lustro.
Este xuízo, canda a orde de arresto contra el por crimes de guerra e contra a humanidade, a fráxil coalición de Goberno e o fracaso á hora de previr a operación da resistencia palestina do 7 de outubro de 2023 forman parte do cálculo político que levou Netanyahu a obstruír calquera negociación de alto o fogo en Gaza co fin de permanecer no poder, algo que recoñeceu até o seu principal aliado, o presidente estadounidense, Joe Biden.
Malia que as negociacións para un alto o fogo en Gaza seguen a avanzar, o líder da oposición sionista, Yair Lapid, remarcou que “está a facer o mesmo truco que fixo as veces anteriores”, adiantando que o primeiro ministro volverá frealo.
Sobre o apoio de Washington ao réxime israelí, o ex funcionario de Exteriores Mike Casey, que renunciou por este apoio, sentenciou que “non hai preocupación polo sufrimento palestino”, cualificando de “vergoñento” como “cedemos ás demandas do Goberno israelí”. “Non vin iso en ningún outro país”, concluíu.