Israel racha o acordo de 1967 coa Unrwa no marco da impunidade que Washington e Bruxelas lle garante polo xenocidio en Gaza

Máis de 43.000 persoas asasinadas na Faixa.
Vítimas dun ataque israelí en Gaza a pasada semana. (Foto: Omar Ashtawy Apaimages / APA Imag / DPA vía Europa Press)
Vítimas dun ataque israelí en Gaza a pasada semana. (Foto: Omar Ashtawy Apaimages / APA Imag / DPA vía Europa Press)

Israel anunciou na madrugada da segunda feira que notificou á Organización das Nacións Unidas (ONU) a fin do acordo de cooperación de 1967 coa Axencia do organismo para as persoas refuxiadas palestinas (Unrwa), a principal organización humanitaria na Palestina ocupada polo Estado de apartheid sionista.

A medida chega despois de que o réxime israelí prohibira a acción da Unrwa no contexto da impunidade polo xenocidio que está a perpetrar en Gaza, onde asasinou máis de 43.000 persoas desde outubro do pasado ano, grazas á cobertura diplomática e ao apoio dos seus principais aliados e provedores de armas, os Estados Unidos e a Unión Europea.

Fin da cooperación

Así, o Goberno de Israel confirmou ao presidente da Asemblea Xeral da ONU, Philemon Yang, o fin da cooperación coa Unrwa despois de que a súa actividade fose prohibida hai unha semana polo Parlamento israelí. O representante de Israel ante Nacións Unidas, Danny Danon, publicou na rede social X a carta enviada polo director xeral do Ministerio de Exteriores, Jacob Blistein, que tamén foi remitida ao secretario xeral da ONU, António Guterres, sostendo que, "a pesar das probas abafadoras" que presentaron, o organismo internacional "non fixo nada para rectificar a situación".

A organización da ONU é parte do problema na Faixa de Gaza e non da solución

"O Estado de Israel seguirá cooperando coas organizacións humanitarias, pero non coas organizacións que promoven o terrorismo contra nós", manifestou o diplomático israelí. Na misiva, pola súa banda, as autoridades lembraron que a norma entrará en vigor ao cabo dun período de tres meses e agregaron que durante ese período "seguirán traballando con socios internacionais" para "garantir a entrega de axuda humanitaria aos civís en Gaza de maneira que non socave a seguridade de Israel".

O ministro de Exteriores israelí, Israel Katz, informou a través dun comunicado na páxina web da súa carteira ministerial que ordenara a Blitstein que notificase á ONU a cancelación do acordo entre Israel e a Unrwa, asinado en 1967, ao considerar que a organización "é parte do problema na Faixa de Gaza e non da solución".

"Presentamos á ONU innumerábeis probas sobre os axentes de Hamás que traballaban na Unrwa e sobre o uso das instalacións da Unrwa para eses fins e non se fixo nada respecto diso. Ademais, a Unrwa optou por non implementar as recomendacións da propia ONU", sostivo.

Acusacións

O xefe da diplomacia israelí fixo referencia á investigación externa encabezada pola ex ministra de Exteriores francesa Catherine Colonna, que concluíu que, aínda que ten marxe de mellora en cuestións como neutralidade ou transparencia, descartaba a acreditación de vínculos terroristas atribuídos aos traballadores.

"Non crean a quen lles di que non hai substituto para a Unrwa: mesmo agora a gran maioría da axuda humanitaria entrégase a través doutras organizacións, e só 13% dela entrégase a través da Unrwa", afirmou, despois de que a comunidade internacional alertase das consecuencias a nivel humanitario de suspender o labor da axencia.

Israel aduce desde hai anos que a Unrwa é unha axencia inoperante e cómplice do Movemento de Resistencia Islámica, Hamás, nos seus ataques ao país. En marzo acusou un número importante de traballadores da Unnrwa de formar parte "de grupos terroristas", o que moveu a unha quincena de países a conxelar os fondos, privándolle de golpe de 450 millóns de dólares.

Comentarios