A ONU pide non ignorar Palestina e intensificar a axuda: "A catástrofe de Gaza é a quebra total da nosa humanidade"
A vicesecretaria xeral de Nacións Unidas, Amina Mohamed, rogou esta segunda feira aos líderes mundiais que aumenten "de inmediato" a asistencia humanitaria ao pobo palestino, advertindo de que "a catástrofe de Gaza é a quebra total da nosa humanidade común".
A 'número dous' da ONU realizou estas declaracións desde a capital exipcia, O Cairo, no marco dunha conferencia ministerial sobre axuda humanitaria para a Faixa. "A catástrofe de Gaza non é outra cousa que a quebra total da nosa humanidade común. Este pesadelo debe terminar. O que estamos a ver ben podería equivaler aos crimes internacionais máis graves", sinalou.
O pesadelo de Gaza é unha crise de vontade política e de respecto polos principios fundamentais do Dereito Internacional Humanitario
Mohamed pediu aos actores da comunidade internacional que presten un "forte apoio" para "todo o sistema" de axuda humanitaria no enclave palestino e, "en particular", á Axencia de Nacións Unidas para as persoas refuxiadas de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA), á que describiu como un "salvavidas insubstituíbel" para a poboación palestina.
Saqueos e inseguridade
"A axuda por excepción non é nin humana nin eficaz", indicou, citando problemas como os saqueos, as municións sen detonar e as estradas destruídas. De feito, a UNRWA viuse obrigada hai apenas dous días á suspender a entrega de axuda humanitaria a través do paso fronteirizo de Kerem Shalom debido á inseguridade.
Nese sentido, Mohamed lembrou que se o organismo fecha, é responsabilidade de Israel como "potencia ocupante" prestar os servizos vitais e satisfacer as necesidades básicas dos palestinos en toda a Faixa de Gaza. Así mesmo, rexeitou que a falta de axuda humanitaria e as dificultades para a súa entrega sexa unha "crise de loxística". "Sexamos claros: o pesadelo de Gaza [...] é unha crise de vontade política e de respecto polos principios fundamentais do Dereito Internacional Humanitario", declarou.
Israel lanzou a súa ofensiva contra Gaza tras os ataques perpetrados o 7 de outubro de 2023 por Hamás e outras faccións palestinas, que deixaron uns 1.200 mortos e unhas 250 persoas secuestradas. Desde entón, as autoridades gazatís denunciaron xa a morte de máis de 44.400 persoas, ás que se suman ao redor de 800 palestinos mortos a mans das forzas de Israel e en ataques perpetrados por colonos en Cisxordania e Xerusalén Leste.
Chamamento a Israel
Coincidindo con este chamamento á comunidade internacional, o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, urxiu o ministro israelí de Asuntos Estratéxicos, Ron Dermer, con quen mantivo un encontro esta segunda feira, a "mellorar as condicións humanitarias" da poboación palestina na Faixa de Gaza.
Segundo anunciou o portavoz do Departamento, Matthew Miller, na súa conta da rede social X, Blinken destacou que "Israel debe facer máis para facilitar a prestación de asistencia humanitaria" en toda a Faixa, onde a fame se agrava "rapidamente", declarou o comisionado xeral da UNRWA, Philippe Lazzarini, tras verse na obriga de cancelar a entrega de axuda prevista a través do paso fronteirizo de Kerem Shalom debido á inseguridade.
Porén, Blinken e Dermer decicaron o seu encontro a abordar as necesidades para garantir "gobernanza, seguridade e reconstrución" no período posterior ao conflito co Movemento de Resistencia Islámica (Hamás) na Faixa. Neste sentido, o estadounidense reiterou o "férreo compromiso" do seu país coa seguridade do Estado hebreo, "contra as ameazas de Irán e os grupos" apoiados por este país.

