Sinn Féin pide abrir un debate sobre a reunificación de Irlanda, sen tabús nin condicións previas

O Brexit cámbiao todo, recoñece a organización republicana. O SF disposto a debatir sobre todo, mesmo a pertenza dunha Irlanda reunificada á Commonwealth se os unionistas se comprometen coa unidade da illa.

irlanda
photo_camera Barrio republicano nunha fvila dos Seis Condados baixo soberanía británica

O Sinn Féin quer que a cuestión da reunificación de Irlanda se aborde xa, sen dilacións nin escusas. “O Brexit cámbiao todo”, afirmaron desde a organización republicana, consciente de que aí ten unha baza (Irlanda do Norte, ao igual que Escocia, votou maioritariamente por ficar na UE) que non debe deixar caducar. O SF elaborou un documento ‘Cara a unha Irlanda unida’ na que debulla propostas e ideas para encarar a unidade da illa, ao tempo que chama a un debate sen tabús nin apriorismos sobre a reunificación. O documento está a ser presentado por toda a illa e sometido a debate con diferentes organizacións, como informan desde El norte de Irlanda.

“Unha nova Irlanda debe basearse na inclusión e a igualdade” e vai requerir, apontan desde o Sinn Féin, unha nova constitución e unha declaración de dereitos. Os republicanos están abertos a un debate sobre símbolos e emblemas que representen esa Irlanda unida. Un país, como avanzou Mary Lou McDonlad, vice-presidenta do SF, garantir a cidadanía británica e a identidade unionista en zonas do norte. O SF está disposto a discutilo e debatelo todo, insiste. Mesmo, como dixo McDonald, a unha adhesión desa Irlanda unida á Commonwealth se os unionistas se comprometen coa reunificación da illa. Unha proposta esta que pode levantar bochas en sectores do republicanismo irlandés. ARepública deixou de pertencer á Commonwealrh definitivamente en 1949, 28 anos despois do nacemento do Estado libre de Irlanda.

O SF quer un debate e unha consulta, un referendo que considera que se ten que realizar no “actual ciclo político”. Se ben non se poñen datas, diferentes dirixentes apontan a que sería a realizar entre 2 e 4 anos. "Sinn Féin será flexíbel na forma da unidade de Irlanda. A xente desta illa ten a oportunidade, non ofrecida a moitas xeracións, de construír unha nova Irlanda”, manifestou Gerry Adams.

Beneficios

A reunificación de Irlanda é a base para un país máis xusto, economicamente máis forte e que se asente sobre a igualdade, defenden desde o Sinn Féin. Dirixentes republicanos negan o “discurso” de sectores unionistas sobe que a unidade da illa vai supoñer un elevado custo para a actual República e un empeoramento das condicións económicas e sociais. O SF lembra que o verdadeiro fracaso foi a partición da illa, que dividiu, afectou negativamente á economía e xerou emigracións forzosas.

O deputado Matt Carthy animou os departamentos de economía do sur e do norte a facer un estudo sobre estas cuestións. O ministro de Economía de Irlanda do Norte, Mairtin O Muilleoir, do SF, calcula que a reunificación implicaría un beneficio de máis de 30 mil millóns de libras na seguinte década. 

O Sinn Féin ten 23 deputados no Parlamento de Irlanda e 27 na asemblea de Irlanda do Norte, onde é a segunda forza. Posúe catro representantes no Parlamento británico e outros tantos na Eurocámara. Goberna ao longo da illa nunhas 260 localidades. 

Nota de Sermos: na redacción orixinal desta noticia oferecíanse dados erróneos sobre o número de parlamentares do Sinn Fein en Belfast e Bruxelas.

Comentarios