ELECCIóNS NOS 6 CONDADOS

Sinn Féin consolídase como segunda forza nunha Irlanda do Norte en movemento

Os unionistas do DUP revalidan o seu primeiro posto na Asemblea, con 38 deputados. Irrompe no Parlamento PBP, a esquerda 'anti-austeridade', con 2 escanos obtidos en bastións republicanos.

eleccións irlanda do norte sinn feín
photo_camera Reconto

Hai un chiste malo, e seguramente inglés, que asegura que en Irlanda do Norte preferiron durante décadas arranxar as disputas políticas pola vía armada para non ter que facer fronte ao quebradeiro dunha vía eleitoral dominada por un sistema, o voto útil transferíbel (STV, nas siglas en inglés), non sempre doado de entender para os alleos (de aí a sospeita da orixe inglesa do chiste). Ora ben, este sistema minimiza o voto inútil, proporciona unha representación similar á proporcional, e permite votos explícitos a candidatos individuais en vez de a unha lista electoral fechada.

O DUP mantense como a forza con máis escanos (38), seguida do Sinn Féin (28, 1 menos que en 2011) e o unionista UUP (16, +3), que supera como terceira forza aos nacionalistas do SDLP (12, -2) 

As eleccións en Irlanda do Norte foron esta quinta feira, ao igual que en Gales e Escocia. Mais mentres en eses dous países xa desde primeira hora da sexta feira se coñecían os resultados definitivos, nos 6 condados irlandeses baixo soberanía de Londres seguía o reconto. Até a tarde deste sábado, 7 de maio, case 48 horas despois de fechar os colexios electorais, non se asignaron todos os escanos (108) da Asemblea de Irlanda do Norte.

En principio, pouco cambia no escenario irlandés e moitas cousas poden cambiar a curto prazo. Unha afirmación que vale tanto para o campo unionista-probitánico, que segue a ser maioritario; como o republicano-nacionalista. Comecemos por este.

Cambios

O voto nacionalista en Irlanda do Norte tradicionalmente foi para o Sinn Féin e o SLDP, republicanos e socialdemócratas. Nos comicios de hai cinco anos ambas as dúas forzas sumaban 43 escanos. Agora tiveron 40. Tres menos. O Sin Féin foi nestes comicios a primeira forza en preferencia de voto en 5 das 18 circunscricións de Irlanda do Norte: Belfast Oeste (54,5% dos votos), Mid Ulster (46,6%), West Tyrone (42%), Newry e Armagh (40,2%) e Fermanagh-South Tyrone (39,3%). O SLDP, pola súa parte, foi a primeira opción favorita dos electores nas circunscricións de Foyle e en South Down, en ambas as dúas en empate técnico cos republicanos. O SF logrou 28 escanos, 1 menos que en 2011; e o SLDP tivo 12, 2 menos, pasando den ser terceira a cuarta forza máis votada, ao superalo o unionista UUP.

A participación foi do 54,9%. O DUP foi primeira forza en preferencia en 11 das 18 circunscripcións, o Sinn Féin en 5 e o SDLP, en 2

Mais, nestas eleccións, hai un elemento novo que está a centrar a atención: a irrupción no Parlamento norirlandés de 2 deputados da alianza PBP, People Before Profit (Xente antes que lucro). Esta alianza antiestablishment de varios pequenos partidos esquerdistas, cun discurso duro e moi crítico contra a casta, atinxiu os seus representantes na Asemblea en dous bastións históricos do republicanismo sinnfenier: Belfast Oeste e Foyle. Territorios apache para os británicos nos 70 e 80, “corazón e músculo” dos partidarios da unidade de Irlanda. Nestas eleccións o candidato máis votado en Belfast Oeste foi o do PBP, superando o Sinn Féin, algo impensábel até non hai moito. 

'Aggiorgamento'

Os analistas sinalan que para parte das bases republicanas o 'aggiorgamento' do Sinn Fein (moderación de discurso e praxe, responsabilidades de goberno...) fixo que procurasen outra opción, e que estas non fosen as escisións radicalizadas do SF, senón o PBP, forza que tamén ten presenza na República de Irlanda. Coa crise golpeando estes anos e unha situación de emerxencia social, o PBP soubo conectar cunha parte importante da poboación dos barrios nacionalistas.

E no unionismo? O DUP mantense como a primeira forza de Irlanda do Norte, con 38 deputados, os mesmos que obtivo en 2011. Desde que en 2005 ultrapasou ao tamén unionista UUP, o Partido unionista democrático é o principal referente desta comunidade. Como terceira forza nas eleccións (a segunda, lembremos, foi o SF) sitúase o UUP, con 16 escanos, 3 máis que hai cinco anos. Ambos os dous xuntan 54 deputados.

O Traditional Unionist Voice (TUV) , fundado en 2007, mantén o seu 1 deputado na Asemblea. É un partido contrario ao acordo de autonomía de Irlanda do Norte.

Os verdes pasan de 1 escanos (2011) aos 2 que lograron nestes comicios. Sitúanse na esquerda e optan por 'superar' a división nacionalista / unionista. Tamén neste último campo está Alliance, que emerxeu nos 70 do unionismo moderado e, en terminoloxía da zona, 'Non sectario', e que logrou manter os seus 8 escanos.

Comentarios