Da decepción Sputnik ao monopolio Pfizer

Malia ser unha das máis efectivas, os problemas de produción e distribución da vacina rusa están a provocar unha gran frustración en países como a Arxentina, que ameazou con romper o contrato. Mentres, o avance cara ao monopolio da estadounidense-xermana na UE trae importantes subas nos prezos por dose.
EuropaPress_3628443_30_march_2021_argentina_buenos_aires_shipments_of_the_russian_corona
photo_camera Chegada ao aeroporto da capital arxentina de 300.000 doses da vacina rusa, o pasado 30 de marzo (Foto: Carol Smiljan / SOPA Images)

A vacina Sputnik V, a primeira contra a Covid-19 en ser rexistrada no mundo, é unha da máis efectivas segundo confirmou un estudo publicado en febreiro pola prestixiosa revista médica The Lancet. Non obstante, nin a OMS nin a Axencia Europea do Medicamento (EMA) lle deron aínda o seu aval.

Non é a calidade, eficacia e seguridade do soro o que priva á vacina rusa de recibir a luz verde, senón a produción do remedio en cantidades masivas o que retrae os dous organismos internacionais. Un proceso no que o fármaco acaba perdendo as súas virtudes, tal e como denunciou a axencia reguladora do medicamento de Eslovaquia, SUKL. 

O Goberno deste país mercou en marzo 200.000 doses. Finalmente non inxectou ningunha debido a que a SUKL rexeitou emitir unha resolución clara sobre a seguridade do fármaco. Non sobre o soro orixinal, senón sobre o que foi enviado a Eslovaquia. O Ministerio de Sanidade comunicaba o pasado 30 de xuño que vendera de volta a Rusia 160.000 das doses ao mesmo prezo que as adquirira, 9,95 dólares cada unha. 

A perda de calidade durante o proceso de produción en masa é un dos problemas que presenta a Sputnik V. A EMA deu de prazo até o 10 de xuño para recibir datos de fabricación e clínicos, xa que entregados até comezos dese mes estaban incompletos. Documentación insuficiente da metodoloxía e incumprimento dos protocolos son outras das pexas postas por este e por outros organismos internacionais.

Ameaza arxentina

Con todo, un total de 69 países do mundo apostaron pola Sputnik V, que require dúas doses diferentes unha da outra. A Arxentina é un destes países, que ademais puxo case todos os ovos no mesmo cesto da vacina rusa. Onte, a ministra de Sanidade, Carla Vizzotti, comunicaba que se tomara a decisión de combinala con Moderna e AstraZeneca para completar a inmunización tras rexistrar resultados "satisfactorios" e "alentadores" dun primeiro estudo de mistura de vacinas con 1.800 voluntarios.

O Goberno, que en novembro afronta unhas eleccións decisivas, viuse na obriga de actuar ante a "situación moi crítica" en que se atopa o país polos incumprimentos na entrega das doses acordadas por parte do Fondo de Investimentos Directos de Rusia (FIDR), organismo que comercializa a Sputnik V no exterior. 

Nunha carta oficial enviada a Moscova e filtrada polo diario La Nación o pasado 22 de xuño, Bos Aires advertía que o contrato "está en risco de ser publicamente cancelado". Os datos son alarmantes ante o avance da variante delta: só 16,06% da poboación puido recibir a pauta completa, e 6,6 millóns agardan a segunda dose de Sputnik V. Destes, 63% co prazo caducado.

Aposta diplomática

A situación arxentina repítese noutros moitos países do mundo. Un dos máis afectados é o Irán, que contratou un total de 60 millóns de vacinas. O compromiso en febreiro era recibir 5 millóns nunha primeira fase, mais a día de hoxe só chegaron 2 millóns.

Situacións similares están a vivir en México (4,1 millóns dos 24 millóns acordados), Guatemala (150.000 de 8 millóns) ou Bolivia (745.000 de 5,2 millóns). E tamén en países africanos como Ghana, Angola ou Kenya. 

Territorios todos onde Rusia, en tempos de viruspolitik, aspira a expandir a súa influencia a través da chamada "diplomacia das vacinas". A comezos de ano o FIDR aseguraba ter "capacidade de subministrar a vacina a 700 millóns de persoas fóra de Rusia" en 2021. Un ambicioso plan que choca coa realidade: a finais de xuño, na propia Rusia, só 15% da poboación recibira a primeira dose da Sputnik V.

O FIDR, pola súa banda, aseguraba na cuarta feira que "os atrasos temporais na entrega do segundo compoñente se resolverán por completo este mes de agosto", co aumento da capacidade de produción tras os acordos de fabricación da Sputnik V con farmacéuticas de 14 países, en particular con Serum Institute da India, o maior produtor de vacinas do mundo.

Pfizer, 23% máis cara

Tamén nesta cuarta feira, o ministro de Exteriores ruso sostiña que a dilación para recibir a aprobación por parte da EMA se debe a motivos políticos e comerciais, e denunciaba nunha entrevista no Komsomólskaya Pravda a "retórica agresiva" contra a Sputnik V dalgúns Estados da UE.

Respondía ás palabras da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, que horas antes noutra entrevista, na RND alemá, reafirmaba que "até o de agora, o fabricante non puido proporcionar datos válidos suficientes para demostrar a seguridade" da Sputnik V. 

En calquera caso, Bruxelas desbotou completamente a vacina rusa hai tempo. Os 27 seguen a ter a liberdade para mercala pola súa conta, mais a Comisión xa advertía o pasado 4 de marzo que non se contemplaba a súa inclusión na compra conxunta da UE aínda coa aprobación da EMA.

A aposta de Bruxelas ─como fixo Arxentina coa Sputnik V─ é pór todos os ovos no mesmo cesto e adquirir só vacinas de ARN mensaxeiro: as de Pfizer/BionTech e, polo momento, tamén as de Moderna. Decisión arriscada por cuestións sanitarias e económicas. As sanitarias porque, segundos os científicos, a diversificación de vacinas (a efectividade de AstraZeneca ficou demostrada no Reino Unido) pode ser positiva ante a diversificación do virus. 

E as económicas porque, segundos os expertos, acabará evolucionando cara a un monopolio. O contrato da compra de vacinas até 2023 realizada en abril, publicado o domingo polo Financial Times, recolle un aumento no prezo de cada dose aproveitando os bos resultados de inmunidade ofrecidos: de 15 a 19,5 euros, as de Pfizer; e de 19 a 21 euros, as de Moderna. AstraZeneca, xa desbotada por Bruxelas, véndese a prezo de custo: uns 2 euros.

Comentarios