Estados Unidos declara a guerra a 'TikTok'

O Senado veta o uso da aplicación nos dispositivos gobernamentais e os republicanos traballan nunha prohibición xeral en todo o país.
#redessociais #redes #móbil #teléfono #app #TikTok (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os senadores estadounidenses cren que o Goberno chinés podería recadar os seus datos persoais. (Foto: Nós Diario)

Os populares vídeos musicais que a cada segundo inzan na rede social TikTok ficarán inaccesíbeis desde os dispositivos móbiles que sexan propiedade da Casa Branca. Así o vén de decretar o Senado dos EUA, perante un proxecto de lei aprobado por unanimidade —agora pasará ao Congreso para tornar en lei— que prohibe a todos os empregados federais usar esta aplicación nos seus teléfonos.

Entenden as e os senadores estadounidenses que TikTok, propiedade da empresa chinesa ByteDance, poida constituír unha "ameaza para a seguridade" do país, debido á posibilidade, apuntan, "de que Beijing obteña datos persoais" dos altos cargos de Washington.

Mais a Cámara podería ir un paso máis aló ao entender que esta rede social non só compromete a seguridade de membros da Administración, senón da totalidade da cidadanía. O Partido Republicano traballa na elaboración dunha lei, a través do congresista Mike Gallagher e o senador Marco Rubio, que prohiba o acceso a TikTok no conxunto dos EUA.

"Trátase dunha aplicación que recompila datos sobre decenas de millóns de nenos e adultos estadounidenses todos os días. Sabemos que se utiliza para manipular fontes e influír nas eleccións. Sabemos que responde á República Popular China", afirmou Rubio esta mesma semana.

O presidente Joe Biden, pola súa parte, explora outra alternativa. Desde a Casa Branca queren estudar a posibilidade de crear unha "estrutura corporativa" que permita á rede social operar nos EUA mais con "proteccións que eviten que o Goberno chinés teña acceso aos datos persoais dos estadounidenses".

A comezos de decembro tamén se pronunciou ao respecto o director do FBI, Chris Wray, que asegurou que TikTok "podería usarse para facilitar a espionaxe". Beijing, dixo, "ten a capacidade de controlar o algoritmo para facilitar as súas operacións de influencia nos EUA".

En resposta a estas declaracións, un portavoz da rede social defendeu en conversa co xornal Business Insider: "A achega do FBI está a considerarse como parte das nosas negociacións en curso co Goberno dos EUA. Aínda que non podemos comentar os detalles desas discusións confidenciais, confiamos en que estamos no camiño para satisfacer plenamente todas as preocupacións razoábeis de seguridade nacional dos EUA e xa logramos avances significativos cara á implementación desas solucións".

Comentarios