Seguro pide o voto a todos os demócratas de Portugal ante o ultradereitista Ventura
A maquinaria electoral está en marcha en Portugal para a segunda volta dos comicios presidenciais. As votacións decorrerán o 8 de febreiro. Os dous candidatos á Presidencia da República son o ex ministro e ex líder do Partido Socialista (PS), António José Seguro, que gañou este domingo a primeira volta con 31,11% dos votos; e o líder da ultradereitista Chega, André Ventura, que quedou no segundo posto con 23,52% de apoio. Seguro deu a volta ás enquisas, cuxa media —publicada polo medio portugués Observatorio— situaba Ventura no primeiro lugar (22%) e Seguro de segundo (cun 20% que quedou moi superado).
O reconto do domingo deixou en terceiro lugar João Cotrim de Figueiredo (16%), apoiado por Iniciativa Liberal (IL), e de cuarto o almirante Henrique Gouveia e Melo (12,32%), candidato non apoiado por ningún partido e que chegara a liderar as sondaxes o ano pasado. En quinto posto quedou Luís Marques Mendes (11,3%), o candidato apoiado polo conservador Partido Socialdemocrata do primeiro ministro, Luís Montenegro, o que supón un duro revés para o seu Goberno. Por detrás deles quedaron Catarina Martins (2,6%), apoiada polo Bloco de Esquerda (BE); António Filipe (1,64%), apoiado polo Partido Comunista Português (PCP); a candidatura satírica de Manuel João Vieira (1,08%); Jorge Pinto (0,68%), apoiado polo Livre; André Pestana da Silva (0,19%), profesor, sindicalista e ex referente do trotskista MAS; e Humberto Correia (0,08%), independente e sen afiliación partidaria.
40 anos sen segunda volta
Seguro, profesor de Teoría do Estado e Pensamento Político e Social da Universidade Autónoma de Lisboa, gañador da primeira volta, pediu o voto de todas as persoas demócratas fronte ao extremismo o próximo 8 de febreiro. Afirmou que a súa candidatura non é partidista, a pesar de recibir o apoio do Partido Socialista, e que "nunca o será", pois "é a casa de todos os demócratas, que, nun momento difícil no noso país únense para preservar o fundamental, todos os demócratas son benvidos".
André Ventura asegurou que a segunda volta será unha loita contra o socialismo. "A dereita fragmentouse como nunca antes, pero os portugueses déronnos o liderado", manifestou, autodenominándose líder da dereita.
Luís Marques (PSD) negouse a marcar o sentido de voto na segunda volta e Catarina Martins (BE) e António Filipe (PCP) pediron o voto para Seguro.
