O socialista Seguro gaña as eleccións presidenciais en Portugal e competirá co ultradereitista Ventura na segunda volta

Con 99% dos votos escrutados, Seguro é gañador das eleccións presidenciais de Portugal ao contabilizar 31,13% dos sufraxios contabilizados.
António José Martins Seguro e a súa muller Margarida Maldonado Freitas. (Foto: Europa Press / Contacto / Diogo Baptista)
António José Martins Seguro e a súa muller Margarida Maldonado Freitas. (Foto: Europa Press / Contacto / Diogo Baptista)

Con 99% dos votos escrutados (faltan os sufraxios de oito dos 109 consulados por escrutar), o candidato do Partido Socialista (PS), António José Seguro, é gañador das eleccións presidenciais de Portugal, ao contabilizar 31,12% dos sufraxios até o de agora contabilizados. Unha vez chegado a un nivel de escrutinio tan elevado, ninguén dubida da vitoria do socialista.

Con todo, o gañador terá que competir na segunda volta co candidato do Chega, o ultradereitista André Ventura, que a estas alturas da noite contabiliza 23,53% dos apoios e se erixe como alternativa a Seguro nunha nova votación que terá lugar o vindeiro o próximo 8 de febreiro.

Seguro afirmou querer derrotar os extremismos e quen "semeia ódio e divisão" entre os portugueses. "Esta não é uma candidatura partidária, nem nunca será. É a casa de todos os democratas, que, num momento difícil do nosso país, se unem para preservar o fundamental", afirmou o socialista tras resultar vencedor da primeira volta das eleccións presidenciais.

"Estou pronto para ser o Presidente dos novos tempos", sinalou Seguro despois de identificar as dificultades do país en saúde, vivenda e pobreza. E escolleu "esperança" como a palabra-bandeira para a súa Presidencia. "Este é o momento de derrotarmos o medo. A vitória de dia 8 será a vitória de Portugal", manifestou co albo posto en gañar Ventura.

O socialista cualificou o resultado de "fantástico", mais lembrou que "em democracia nada está garantido". "Temos de trabalhar muito para merecermos uma vitória", incidiu. Con todo, avanzou que non vai mudar a estratexia que desenvolveu na campaña para a primeira volta. "Vou manter a minha linha e coerência estrategica até ao final", concluí.

Derrota do PSD, o partido do Goberno

Mal resultado para o candidato do Partido Social Demócrata (PSD), Luís Marques Mendes, apoiado polo Goberno luso e que fica en quinta posición con menos de 12% dos votos (11,3% exactamente). "A responsabilidade é minha, só minha e toda minha", afirmou. "Não fico amargurado, não fico ressentido, não guardarei qualquer rancor. Honrou-me muito servir o meu país", concluíu.

Por diante del, João Cotrim de Figueiredo, candidato de Iniciativa Liberal (IL), obtivo 15,99% dos votos. O candidato apoiado polo Goberno portugués tamén foi superado por Henrique Gouveia e Melo, quen fora xefe do Estado Maior da Armada e membro do Estado Maior das Forzas Armadas de Portugal, que alcanzou 12,33% dos sufraxios.

O primeiro ministro portugués, Luís Montenegro, afirmou non apoiará ningún dos dous candidatos na segunda volta xa que "o espaço do PSD não estará representado". Neste sentido, nunha comparecencia como líder da súa formación, manifestou que Seguro representa o espazo á esquerda do PSD e Ventura o espazo á direita da súa forza política.  "Aceptamos a elección con humildade democrática", concluíu.

A esquerda, con Seguro contra Ventura

Por contra, todas as formacións de esquerda expresaron o seu apoio a Seguro, candidato do PS e gañador das eleccións, coa intención de evitar que a extrema dereita alcance a Presidencia da República de Portugal. Catarina Martins, a ex líder do Bloco de Esquerdas, que alcanzou 2,06% dos votos, asumiu a derrota e un resultado "muito abaixo do que esperava". Neste sentido, alertou sobre unha "direita radicalizada, em reconfiguração e trumpização" e sinalou que a única "resposta adequada é votar em António José Seguro na segunda volta, de olhos bem abertos".

O xurista e historiador parlamentario António Filipe, ex-vicepresidente da Asemblea da República e apoiado pola Coalición Democrática Unitaria (CDU), coalición do Partido Comunista Portugués e os Verdes, ficou en 1,64% dos sufraxios. Numa breve declaración ante simpatizantes, asumiu que "o resultado obtido ficou áquem do que Portugal precisa". Ademais, o comunista alertou que o "povo português terá de enfrentar grandes desafios" e "terá de encontrar a força necessária para lutar contra as forças reacionárias". "Faremos parte dessa força", garantiu.

Ventura divide as dereitas

"Vou liderar o espaço não-socialista em Portugal", afirmou Ventura. "Fica tão evidente que os portugueses não quiseram saber o que lhes disse o líder do PSD, da IL, eles acreditaram mesmo que só havia uma alternativa ao socialismo que nos destrói", defendeu o líder do Chega.

Con todo, figuras históricas da dereita portuguesa xa amosaron o seu apoio a Seguro para a evitar que o candidato de ultradereita ocupe a Presidencia. Porén, os líderes en activo do PSD e de IL non optaron por apoiar ningunha das opcións para a segunda volta.

Comentarios