Sánchez e Feixoo trocan acusacións de corrupción no Congreso español

Imputadas polo 'Caso Tsunami' piden fechar a causa.

Pedro Sánchez, hoxe. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, hoxe. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O líder do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, inculpou hoxe no Congreso o presidente español, Pedro Sánchez (PSOE), de coñecer e ocultar durante “máis de tres anos” a presunta trama de corrupción na compra de máscaras na pandemia de Covid-19, destapada nunha operación policial a pasada semana na que foi detido Koldo García, asesor do Ministerio de Transportes cando estaba dirixido por José Luis Ábalos (PSOE), e na que tamén estarían implicados o Ministerio de Interior e as Administracións de Canarias e Illes Balears.

Ao respecto, Feixoo reiterou que a saída de Ábalos do Executivo en 2021 se enmarcou na súa responsabilidade polos feitos, cos que non foi vinculado directamente ou imputado. Tamén cuestionou Sánchez polas palabras do ex ministro, que tras negarse a dimitir como deputado, como exixira o seu partido, pasou ao Grupo Mixto, nas que subliñou que, canda o secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, “estamos na mesma situación”, deixando entrever que o número tres da forza estatal foi o que lle deu “todas as garantías” sobre García.

O certo é que o avogado Ramiro Grau recalcou que até en seis ocasións enviou escritos á Presidencia do Goberno español, o primeiro en 2020, advertindo da trama de corrupción.

Na súa réplica, Sánchez incidiu en que provoca “vergoña” que o PP asuma que pode aproveitarse a nivel político da “corrupción”, para o que precisarían tanto Feixoo como a organización “outro currículo”, sinalou.

Asemade, salientou que “este é un Goberno que non tapa a corrupción”, defendendo que Feixoo “chegou á fronte o PP para tapala”, lembrando a fin do liderado de Pablo Casado, que tivo que abandonar a dirección dos conservadores “por denunciar unha trama de corrupción” relacionada coa presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso (PP).

Tsunami Democràtic

A defensa de 7 das 12 persoas imputadas por terrorismo polo xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castellón, vinculado co PP, polas protestas populares impulsadas por Tsunami Democràtic en Catalunya, presentaron unha petición no Tribunal Supremo para que non acepte asumir a causa, instando ao seu fechamento.

O documento incide en que a instrución do caso rematou o 29 de xullo de 2021, posto que o maxistrado non rexistrou a prórroga até o día seguinte e sen xustificar os motivos, e detalla que até o de agora non tomou declaración a ningunha das persoas investigadas, un dos requisitos do proceso xudicial.

Comentarios