Ábalos desafía o PSOE e marcha ao Grupo Mixto: "Defenderei a miña honra e reputación até as últimas consecuencias"

O PSOE déralle un prazo de 24 horas para dimitir e abandonar o Congreso polo escándalo do 'caso Koldo', mais agora confirma que non o fará e manterá a acta de deputado. Ábalos lamenta non estar "apoiado pola dirección" do seu partido e que non se aborde o caso "desde o sosego".
O deputado José Luis Ábalos, esta terza feira, na sala de prensa do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O deputado José Luis Ábalos, esta terza feira, na sala de prensa do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O ex ministro e deputado José Luis Ábalos négase a abandonar o Congreso malia as crecentes presións desde o seu propio partido para que renuncie tras o estoupido do 'caso Koldo'. Esta segunda feira o PSOE deulle un prazo de 24 horas para deixar o seu escano que está a piques de expirar e, avanzou a Cadena SER, Ábalos, que xa cesou como presidente da Comisión de Interior da Cámara baixa, non o fará. Seguirá como deputado, mais fóra do grupo socialista tras ser expulsado, e pasará, pois, ao Grupo Mixto.

Desde o PSOE agardaban expectantes durante a mañá pola resposta oficial de Ábalos, que ofrecerá hoxe a través dun comunicado. O secretario de Organización do partido, Santos Cerdán, foi preguntado ao inicio e ao final da reunión semanal do grupo socialista no Congreso polo futuro do ex ministro, e dixo non saber nada nese momento.

Pasadas as 14.30 horas, Ábalos compareceu ante os medios para ratificar a súa decisión, que xustificou co pretexto de defender a súa "honra persoal e reputación como deputado" até as "últimas consecuencias". "Gustaríame falar apoiado pola dirección do meu partido, creo que sería o correcto, como en tantas outras situacións, e o que satisfaría máis a militancia do meu partido", lamentou.

E, gabándose de ter "servido ao país como ministro de España" e de ser un 'piar' fundamental na conformación dun "Goberno progresista" tras a moción de censura de 2018, e "tendo axudado como secretario de Organización do PSOE a cohesionar a militancia nun momento moi complexo tras as primarias de 2017", dixo que lle gustaría gozar hoxe do "beneficio do compañeirismo" e afrontar o escándalo do 'caso Koldo' "desde o sosego".

Ábalos defendeu tamén a súa inocencia: "Non estou acusado de nada nin formo parte da investigación en curso, nin tampouco teño ningún enriquecemento ilícito" en relación coa compra de máscaras durante a pandemia, asegurou.

De confirmarse, o Grupo Mixto pasaría a estar formado polo deputado do BNG, Néstor Rego; a de Coalición Canaria, Cristina Valido; o de UPN, Alberto Catalán, e as catro de Podemos, Ione Belarra, Javier Sánchez Serna, Noemí Santana e Martina Velarde, alén do propio Ábalos.

Comentarios