venres 07/05/21

Sánchez defende a monarquía, afectada pola corrupción

Partidos nacionalistas e Podemos piden investigar o rei emérito. O pago de 678.393,72 euros á Axencia Tributaria co obxectivo de evitar a acción da xustiza por parte de Juan Carlos I segue centrando o debate.
Pedro Sánchez con Felipe VI nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Pedro Sánchez con Felipe VI nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O pago de 678.393,72 euros á Axencia Tributaria co obxectivo de evitar a acción da xustiza e o conseguinte recoñecemento de irregularidades financeiras por parte do rei emérito, Juan Carlos I de Borbón, continúa no centro do debate político no Estado español. 

Hoxe mesmo, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, saíu en defensa da institución monárquica, mentres os seus parceiros do Executivo, Unidas Podemos, presentaron unha solicitude para investigar o uso das tarxetas de crédito de orixe opaca polo monarca após a súa abdicación. Ao tempo, organizacións políticas nacionalistas de Catalunya, Euskal Herria, Galiza e Valencia e Más País rexistraron outra petición para constituír unha comisión de investigación parlamentaria sobre as irregularidades financeiras cometidas polos membros da Familia Real.

Pedro Sánchez escusou o actual monarca, Felipe VI, por gardar silencio en relación coas irregularidades contábeis que afectan os reis eméritos, sinalando que “en moitas ocasións as explicacións achéganse cos feitos. E Felipe VI deu unha imaxe de exemplaridade, actualizando unha institución como a Coroa a unha sociedade do século XXI”.

O presidente do Executivo, fiel ao seu guión de desvincular o monarca dos seus pais, puxo de manifesto que “non se xulga a institución, xúlgase a persoa, o anterior xefe do Estado. Ese é o espírito da Constitución. A chave é que hai unha crise sen precedentes en 100 anos e as institucións teñen que ser fortes e estábeis. Reivindiquemos a Constitución, o pacto constitucional e a monarquía parlamentaria”.

A solicitude de investigación parlamentaria de Unidas Podemos tenta aclarar o uso polos reis eméritos das tarxetas de crédito opacas, cuxos fondos proceden das achegas do empresario mexicano e antigo presidente do banco de investimentos Goldman Sachs no Estado, Sanginés-Krause. Así, desde a formación morada queren determinar “se don Juan Carlos de Borbón e dona Sofía de Grecia, como indican as actuacións iniciadas pola Fiscalía Anticorrupción, usaron entre os anos 2016 e 2018 tarxetas opacas con contas situadas no estranxeiro” e “se mediante estas tarxetas se pagaron abondosas contías de diñeiro en gastos propios e outros membros da familia real”.

Néstor Rego

A proposta de Unidas Podemos parécelle insuficiente ás forzas nacionalistas de Catalunya, ERC, Junts e CUP, a EH-Bildu, a Compromís, Más País e BNG. Neste sentido rexistraron unha solicitude para pór en marcha unha comisión de investigación, que, en palabras do portavoz do BNG, Néstor Rego, pretende “investigar as presuntas ilegalidades detectadas pola fiscalía anticorrupción do Estado, que tería encontrado indicios de presuntos delitos nos que estaría implicado o rei emérito relacionados co branqueo de capitais, cobros de comisións e fraude fiscal na contratación da segunda fase da construción da liña de ferrocarril de AVE que une as cidades de Medina e A Meca, en Arabia Saudita”.

Os asinantes desta iniciativa solicitaron tamén a comparecencia da ministra de Facenda, María Jesús Montero, para explicar a presunta trama fiscal do re emérito. “É unha cuestión de hixiene democrática que se poida investigar no ámbito parlamentar a realización de todo tipo de prácticas corruptas por parte dos Borbóns”, concluíu Rego.

comentarios