A Fiscalía do Tribunal Supremo español advertiu Juan Carlos I de 2 causas sobre a súa fortuna

O ministerio estuda se o aviso neutraliza o intento do ex rei español de regularizar a débeda de 700.000 euros pagada esta semana.
Juan Carlos I de Borbón en Sanxenxo a finais de 2019 (Foto: Europa Press)
photo_camera O rei emérito en Sanxenxo a finais de 2019 (Foto: Europa Press)

A Fiscalía do Tribunal Supremo español informou formalmente á defensa de Juan Carlos I o pasado novembro de que había dúas investigacións abertas sobre a súa fortuna, unha pola comisión de 100 millóns de dólares polo AVE á Meca e a outra pola tarxetas opacas con cartos negros que se puideron usar para pagar facturas de varios membros da casa real.

A Fiscalía estuda agora se este aviso formal -a investigación do primeiro caso xa transcendera na opinión pública o pasado mes de xuño- neutraliza o intento do ex rei español de regularizar unha débeda duns 700.000 euros co pagamento voluntario que transcendeu esta semana.

Cómpre lembrar que o artigo 305.4 do Código Penal español establece que a persoa que regulariza a situación tributaria ante a fiscalía, a avogacía do Estado ou o representante procesual da empresa está exenta de responsabilidade penal.

Mais hai excepcións, como cando a administración autonómica, provincial ou local presenta unha queixa ou denuncia contra ela ou cando a Fiscalía ou o xuíz instrutor toman medidas que lle permitan ter coñecemento formal do inicio do procedemento.

Comentarios