Formacións soberanistas volven demandar no Congreso unha investigación sobre as “tramas” do rei emérito

A iniciativa leva as sinatura de BNG, ERC,  Junts, EH- Bildu, CUP, Más País e  Compromís.Entre as demandas, que a comisión indague quen se beneficiou das actividades "ilícitas ou ilegais" de Juan Carlos I, "especialmente" se un deles foi Felipe VI
O Congreso, onte, no debate sobre a prórroga da alarma (Imaxe: Pool)
photo_camera O Congreso (Imaxe: Pool)

Formacións independentistas e soberanistas do Congreso, canda Más País e  Compromís, rexistraron unha nova solicitude para que a Cámara cre unha comisión de investigación sobre a trama vinculada ás presuntas "ilegalidades e irregularidades" cometidas por membros da casa real, en especial o rei emérito, e que sabía das mesmas o seu fillo Felipe VI e se se beneficiou delas.

A iniciativa leva as sinatura de BNG, ERC,  Junts, EH- Bildu, CUP, Más País e  Compromís, mentres que o PNV declinou sumarse. Rexistrouse esta sexta feira, o mesmo día que Unidas Podemos anunciaba o propio cunha iniciativa similar.

Estas formacións decidiron retomar a súa esixencia de que o Congreso investigue estes asuntos tras coñecerse que Juan Carlos I pagou 678.393 euros a Facenda para regularizar a súa situación co fisco. A presentación desta declaración por Juan Carlos I, catro meses despois da súa saída do Estado, está relacionada co presunto uso de tarxetas bancarias das que se beneficiaron tanto o emérito como algúns dos seus familiares.

En concreto, as formacións queren que o Congreso investigue as presuntas irregularidades cometidas por membros da familia real, "así como dos seus cómplices"; a orixe e destino dos fondos e fluxos monetarios referidos nos rexistros de uso das chamadas 'tarxetas  black' e as súas poíbeis influencias na política diplomática e comercial de España con Arabia Saudita.

Así, especifican que se debe investigar sobre a "existencia de estruturas opacas, coa participación do ex xefe do Estado, para a adxudicación de contratos comerciais", sobre o pregunto "branqueo de capitais" por parte do rei emérito, se actuou como  comisionista, quen coñecía as súas actividades, quen eran os seus cómplices "e as consecuencias e responsabilidades derivadas das mesmas".

Tamén demandan que a comisión indague quen se beneficiou das actividades "ilícitas ou ilegais" de Juan Carlos I, "especialmente" se un deles foi Felipe VI, e se o actual xefe do Estado ou outros membros da casa do rei tiñan ou non coñecemento das investigacións actuais.

Comentarios