O Salvador aproba a reelección indefinida e dá vía libre ao "ditador máis 'cool' do mundo"
Activistas polos dereitos humanos e xornalistas foxen da represión de Bukele.
Seis anos despois de chegar á Presidencia do Salvador, o ultradereitista Nayib Bukele completou na madrugada da sexta feira a viraxe autocrática do seu réxime, ao aprobar a Asemblea Lexislativa, controlada pola súa formación, Novas Ideas (NI), unha reforma constitucional incluída á ultima hora na orde do día, sen tramitación, estudo previo ou debate parlamentario, que permite a reelección indefinida da persoa que ocupe a Xefatura do Estado.
Amais da reforma dos cinco artigos da Carta Magna que vetaban esta posibilidade, tamén se aprobou acrecentar por un ano o mandato presidencial, que agora se estenderá ao longo de seis exercicios, e eliminar a segunda volta das presidenciais, polo que a persoa que reciba máis votos, independentemente de non lograr cando menos a metade máis un das papeletas, como até o de agora, será a que ocupe a Presidencia. Todo isto mentres se multiplican nos últimos meses as críticas contra o mandatario e a represión contra as persoas críticas con el.
Tamén fica reducido o actual mandato de Bukele, que comezou o 1 de xuño de 2024, a 2027, co obxectivo de que ese ano se concentren os comicios presidenciais, lexislativos e municipais, acabando coa sucesión de distintos procesos con dous anos de diferenza de media. Outra das medidas aprobadas remata co recoñecemento oficial das e dos lexisladores no Parlamento Centroamericano, orientada a que O Salvador abandone o órgano.
“Mataron a Constitución” e “fixeron unha confesión pública de matar a democracia disfrazada de legalidade”, subliñou Marcela Villatoro, deputada da conservadora Alianza Republicana Nacionalista (Arena), que demandou deixar de “disfrazar de popularidade e de romantizar as ditaduras”. Pola contra, Ana Figueroa, parlamentaria de NI, defendeu que entrega “aos salvadoreños o poder de decidir” e permite “ao país alcanzar unha maior seguridade xurídica”.
“O día antes das vacacións, sen debate, sen informar a cidadanía, nunha soa votación lexislativa, cambiaron o sistema político para permitir que o presidente se perpetúe no poder indefinidamente e sigamos o camiño percorrido polos autócratas”, afirmou Noah Bullock, director executivo da organización en defensa dos dereitos humanos Cristosal, a máis importante deste ámbito na nación centroamericana.
A entidade decidiu exiliarse a mediados do mes pasado aludindo á persecución de Bukele. “Tivemos que decidir entre o cárcere e o exilio, e decidimos que non servimos de nada ás vítimas estando presos”, detallou daquela Bullock. Pouco antes fora detida Ruth López, da dirección de Cristosal, após investigar as desaparicións, torturas e mortes no sistema de prisións, canda un líder comunitario e un activista polo dereito á auga. Polo menos 20 activistas e 40 xornalistas fuxiron do país entre xuño e xullo, o mesmo camiño que antes seguira El Faro, un dos xornais máis relevantes da rexión.
Carreira cara á ditadura
Bukele entrou na política na outra beira do arco ideolóxico, coa progresista Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN), pola que foi elixido en 2012 alcalde de Nuevo Cuscatlán e en 2015 da capital, San Salvador. En 2017 foi expulsado do FMLN por violar os principios do partido e por comportamentos machistas.
Porén, xa en 2014, como admitiron grupos criminais, Bukele entrou en contacto con eles e, tras fechar un “acordo monetario”, encargáronse de impulsar a súa candidatura á Alcaldía da cidade. E dous anos despois de chegar á Presidencia, a particular campaña electoral destas bandas tamén foi chave para que NI lograra a maioría absoluta na Asemblea Lexislativa, pero os resultados non lle permitiron alcanzar a maioría cualificada.
Aínda así, con dous poderes da man o terceiro non tardou en caer. Na primeira sesión da nova Asemblea en 2021, NI destituíu o fiscal xeral e os cinco maxistrados da Sala do Constitucional do Tribunal Supremo do Salvador. Aínda que o órgano considerou inconstitucional a decisión, isto non impediu que Bukele colocara xuíces afíns nos cargos, os mesmos xuíces que, a pesar de que a Constitución do Salvador prohibía expresamente a reelección inmediata, emitiron unha sentenza que lle permitía volver presentarse en 2024.
Nese período lexislativo, e mentres se facía co control da inmensa maioría dos medios de comunicación, aproveitando que procede dunha familia de amplos recursos económicos, que incrementaron de forma substancial desde a súa chegada ao poder, Bukele reduciu de 84 a 60 o número de escanos do lexislativo, mudou o sistema de repartición ao seu favor e reorganizou os concellos, que pasaron de 262 a 44, un cambio que afectou especialmente aos lugares gobernados por outras forzas. As reformas foron aprobadas poucos meses antes das eleccións.
Foi neste contexto, co control das institucións estatais e entre múltiples denuncias por irregularidades, manipulación de votos ou fallos no sistema de transmisión de resultados, entre outros, no que en 2024 logrou 54 dos 60 asentos do lexislativo, aos que hai que engadir tres de forzas aliadas, e a reelección con 84,65% das papeletas. Iso si, segundo a autoridade electoral, mais consolidando o poder de quen se chegou a autodefinir como “o ditador máis cool do mundo mundial”.
Migrantes a cambio de impunidade
A pesar das dúbidas sobre os resultados electorais, todos os estudos indican que Bukele goza dun amplo apoio popular, construído ao rachar os seus pactos cos grupos criminais e militarizar o país para acabar con eles en 2022 –instaurando un estado de excepción que segue vixente–, o que derivou nunha baixada dos homicidios e en masivas violacións dos dereitos humanos entre detencións arbitrarias.
O mandatario, achegado ao seu homólogo estadounidense, Donald Trump, decidiu erixir unha macroprisión na que pactou coa Casa Branca acoller migrantes que expulse, e que xa teñen denunciado torturas e abusos sexuais. En compensación, Bukele demandou que lle entreguen os líderes de grupos criminais do Salvador detidos nos Estados Unidos e que poderían declarar sobre os pactos con el.