O réxime israelí aproba 22 novos asentamentos en Cisxordania para "impedir a creación dun Estado palestino"
Cando paulatinamente algúns dos seus aliados comezan a abrirse á posibilidade de aplicar sancións e outras medidas de presión contra Israel para que poña fin ao xenocidio en Gaza, o Goberno de ultradereita sionista aprobou a quinta feira a construción de 22 novos asentamentos no territorio palestino de Cisxordania.
Estes asentamentos, ilegais segundo o Tribunal Internacional de Xustiza, sumaríanse ao centenar que xa existen, ocupados por medio millón de colonos, e suporía a cifra máis alta de asentamentos aprobada en máis de tres décadas.
O titular de Defensa do réxime sionista, Israel Katz, gabouse da impunidade dos crimes cometidos polo Estado, asegurando que os novos asentamentos supoñen unha “declaración clara sobre o futuro” e “unha medida estratéxica que impide a creación dun Estado palestino”.
En paralelo, os bombardeos do réxime israelí contra Gaza continúan, e 23 persoas foron asasinadas nunha vaga de ataques contra o campo de persoas refuxiadas de Bureij, no centro da Faixa. Máis de 54.200 palestinas e palestinos, máis de 16.000 deles crianzas, perderon a vida desde o inicio do xenocidio.
Ademais, o caos non cesa nas entregas de axuda humanitaria dunha entidade impulsada por Israel e os Estados Unidos. Nos últimos tres días 10 persoas foron asasinadas polos mercenarios estadounidenses ou os soldados israelís que coordinan o operativo, no que a Organización das Nacións Unidas (ONU) e os grupos humanitarios rexeitaron participar por violar os principios humanitarios e buscar crear campos de concentración no sur de Gaza ao forzar o pobo palestino a desprazarse alí para non morrer de fame.
En todo caso, o réxime sionista segue a bloquear a entrada da axuda humanitaria baixo coordinación da ONU que precisa a poboación para non morrer de fame.
Asemade, o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, trasladou que acepta a nova proposta de cesamento do fogo presentada polos Estados Unidos, que Hamás está a estudar.
Ao longo do xenocidio Netanyahu xa boicoteou varias propostas neste sentido, rachando de forma unilateral a última tregua, e o mesmo fixo nesta fase das negociacións, ao que reaccionou Washington presentando propostas aínda máis favorábeis ao réxime sionista, que demandou que Hamás acepte unha limpeza étnica no enclave.
