Israel asasinou 16.506 nenas e nenos no xenocidio, 916 de menos dun ano e 343 no seu primeiro día de vida
En 17 meses de xenocidio, con dous meses de tregua polo medio, Israel matou como pouco 16.506 nenas e nenos, detallou a quinta feira o Ministerio de Sanidade de Gaza, gobernada por Hamás, que confirmou o asasinato por parte das tropas israelís de 53.655 persoas no enclave.
Con todo, todo indica que a cifra real está moi por riba, con estudos que sinalan que sería até 40% superior, mentres que a Organización das Nacións Unidas (ONU) estima que como mínimo máis de 10.000 persoas ficaron baixo os cascallos dos edificios destruídos.
No tocante ás crianzas, 916 non chegaran ao ano de vida, e 343 delas foron asasinadas o mesmo día que naceron, 4.365 tiñan entre un e cinco anos, 6.101 entre seis e 12 anos e 5.124 entre 13 e 17 anos, uns díxitos que reflicten a “magnitude da catástrofe humanitaria e a profundidade do crime cometido contra unha xeración enteira”, remarcou o Ministerio.
Ao tempo, os ataques sionistas na Faixa non cesan, e as súas tropas cercan dous dos últimos hospitais activos, de forma parcial, no norte do enclave, disparando contra os xeradores dos centros sanitarios co obxectivo de inhabilitalos, e a quinta feira atacaron un dos principais almacéns de subministracións médicas do hospital al Awda.
Estas subministracións, así como alimentos, auga e calquera ben necesario para a supervivencia humana, son case inexistentes en Gaza, sometida a un asedio deste marzo que intensificou a fame extrema que xa causara o réxime sionista, e que se levantou a segunda feira de forma moi limitada logo da presión dos seus aliados ao primeiro ministro do Goberno de extrema dereita de Israel, Benjamin Netanyahu, que subliñou que a cambio seguirían avalando que continúe co xenocidio.
Sexa como for, a axuda humanitaria que permitiron que accedera é mínima, e a quinta feira a ONU informou de que, cando se precisan 500 camións ao día, só entraran 198 neste tempo, mais os sionistas apenas permitiron que se distribuíran 90.
Atentado en Washington
Asemade, en Washington, a capital estadounidense, dous membros da embaixada israelí pereceron onte ao ser alcanzados por disparos nun atentado. O sospeitoso, Elías Rodríguez, natural da cidade estadounidense de Chicago, berrou en múltiples ocasións “Palestina libre” ao ser detido.
Benjamin Netanyahu afirmou que se tratou dun ataque “antisemita”, unha retórica recorrente desde que comezou o xenocidio en Gaza e que vincula a unha suba do antisemitismo ao vincular o que acontece en territorio palestino coa defensa das persoas de relixión xudía, moitas das que están a protestar, especialmente nos Estados Unidos, polos delitos contra a humanidade do réxime sionista.
Rapidamente, o país americano, Alemaña, o Reino Unido, Francia, Italia, o Estado español ou a propia Unión Europea (UE) condenaron o acontecido, cualificándoo tamén como un ataque antisemita. Á vez, Netanyahu responsabilizou do ataque a “incitación salvaxe contra Israel”, en alusión ás críticas contra o xenocidio e 48 horas despois de que a UE acordara revisar o tratado comercial cos sionistas, abrindo a porta de forma tímida á primeira medida de presión real para frear o xenocidio, tras o que diplomáticos do bloque foron tiroteados en Cisxordania (Palestina)
O ocorrido volveu mostrar a dobre vara de medir de Bruxelas, tanto polo aval ás accións israelís mentres lle vende armas como pola falta dunha reacción similar ante os ataques antipalestinos nos Estados Unidos, como o asasinato dun neno de seis anos, o intento de afogamento dunha nena de tres ou os ataques de turbas prosionistas contra protestas propalestinas.
Poucas horas antes do ataque, Netanyahu ratificara que está a boicotear de novo as negociacións de paz, exixindo agora para o final do xenocidio que Hamás acepte a 'limpeza étnica', coa expulsión do pobo palestino de Gaza para convertela nun activo inmobiliario, como propuxera Donald Trump, o
presidente estadounidense.
