A represión policial incendia as protestas da mocidade en Marrocos

A desigualdade e a falta de oportunidades, detonantes dun movemento que fai énfase na crise da saúde e da educación públicas.
Forzas de seguridade de Marrocos na protesta convocada o 29 de setembro de 2025 pola mocidade en Rabat, a capital. (Foto: Huo Jing / Europa Press / Contacto)
Forzas de seguridade de Marrocos na protesta convocada o 29 de setembro de 2025 pola mocidade en Rabat, a capital. (Foto: Huo Jing / Europa Press / Contacto)

Por quinta xornada consecutiva, múltiples cidades de Marrocos viviron a cuarta feira protestas da mocidade, con exixencias centradas na mellora da sanidade e da educación públicas mais que xa se están ampliando cara a demandas dunha reforma xeneralizada do Estado e de priorizar a loita anticorrupción, e por quinta xornada consecutiva foron reprimidas polas forzas de seguridade, o que derivou en enfrontamentos a terza feira.

O Ministerio de Interior alauita sinalou a cuarta feia que 409 persoas foron detidas nas manifestacións, que deixaron 286 persoas feridas. Como mínimo máis de 60 arrestos producíronse en Rabat, a capital,  estima a Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH), incluídos o de dous membros da súa dirección. En Casablanca, a Fiscalía sostivo que se efectuaron 24 detencións, seis delas de menores, por bloquear unha estrada.

Só na fin de semana, a AMDH denunciou que até 120 mozas e mozos foron apresados. Hakim Saikuk, que lidera a entidade en Rabat, condenou os arrestos, que cualificou de inconstitucionais, e o grupo remarcou que a reacción gobernamental “confirma a represión das voces libres e a restrición do dereito á liberdade de expresión”. En paralelo, incidiu en que a resposta estivo baseada en “intervencións represivas, persecucións, asedios, toques de recoller, rexistros e detencións arbitrarias”.

A vaga de mobilizacións máis importante do país desde 2017, cando finalizaron as protestas no Rif (nordés), deu inicio o sábado, cando centos de mozas e mozos se botaron á rúa en cando menos 11 cidades, recolle a axencia AP.

Detrás das manifestacións están Gen Z 212 e Morrocco Youth Voices, dous perfís en redes sociais como TikTok, Instagram ou Discord que fixeron un chamamento a “protestas pacíficas e civilizadas”, así como a levar a cabo debates de forma responsábel.

A xeración Z, á que pertencen a inmensa maioría das persoas manifestantes en Marrocos, é a cohorte demográfica das persoas nadas entre a segunda metade da década de 1990 e o comezo da de 2010. Este grupo etario xa estivo detrás das protestas en Nepal o mes pasado, que combinadas cos disturbios xerados após a represión forzaron a caída do Goberno e un impulso ao avance das causas por corrupción, das mobilizacións que obrigaron o Executivo de Kenya a derrogar a súa proposta fiscal o pasado ano ou da disolución do Gabinete de Madagascar esta semana, nun movemento inspirado precisamente no que sucede en Rabat e no ocorrido en Katmandú.

Até a terza feira, a Policía da ditadura encabezada polo rei Mohamed VI lograra conter as protestas, cunha estratexia focalizada en fortes despregamentos de unidades antidisturbios nos puntos designados para as mobilizacións, e unha vez que as e os participantes trataban de concentrarse eran perseguidos e apresados un a un, como puido comprobar a axencia EFE na praza Bab el Had, no centro da capital alauita, a segunda feira.

Nas outras 10 cidades nas que había protestas convocadas ese día a Policía marroquí conseguiu disolvelas, e en Oujda, no Rif, as autoridades sosteñen que as forzas de seguridade foron apedradas, causando varios axentes feridos.

Arden bancos e coches policiais

Non obstante, a terza as forzas de seguridade perderon o control da situación, ao sumarse máis persoas e localidades cada vez máis pequenas ás protestas, como Temara, tamén no norte e perto de Rabat, ou Tiznit, Inzegane e Ait Amira no sur, onde foron lanzadas pedras aos policías perante as agresións ás persoas que participaban nas marchas.

Ante o aumento da participación nas protestas tamén se elevou a represión, e foron confirmados atropelos a grande velocidade por parte de vehículos policiais ao non ser capaces de disolver as concentracións. De volta en Oujda, un manifestante resultou ferido de gravidade nun destes atropelos, informou MAP, unha axencia estatal. A prensa local sinalou incluso que se produciron detencións de manifestantes en medio de entrevistas con medios de comunicación.

Ademais, en Ait Amira foron envorcados múltiples coches da Policía e queimado un banco. Outra entidade bancaria ardeu en Inzegane, que tamén rexistrou enfrontamentos cos policías. Tamén se incendiaron coches e se produciu unha tentativa de asaltar un supermercado, reporta a axencia Reuters.

O Goberno conservador asegurou que está disposto a comezar un diálogo coa mocidade mais “dentro das institucións e espazos públicos para atopar solucións realistas”, xustificando ao tempo a represión con loas á “reacción equilibrada das autoridades de seguridade”. Sexa como for, na capital xa se escoitaron cánticos pedindo a dimisión de Aziz Akhannouch, primeiro ministro. 

“Quero mellores salarios, mellores empregos, prezos máis baixos e unha vida mellor”, explica Youssef, enxeñeiro de 27 anos que protestou en Casablanca. “Non hai esperanza”, acrecenta, insistindo en que “non só quero reformas en saúde e educación, quero unha reforma integral do sistema”.

Malia a contestación represiva das autoridades e da censura imperante a todos os niveis, nun cóctel que completa a inexistente independencia da Xustiza, as afeccións de equipos da liga de fútbol masculina marroquí reiteraron as consignas das protestas durante a xornada da pasada fin de semana, ameazando con boicotear os seguintes partidos.

Noutro elemento chave, figuras moi coñecidas entre a poboación marroquí, como o futbolista Azedine Unahi, a cantante Manal ou a directora Naima Zitan, transmitiron o seu apoio ás protestas.

O gasto para o Mundial 2030 desencadea a indignación popular

“Hai estadios, mais onde están os hospitais?”. Este é o principal berro nas protestas en Marrocos, en alusión ao Mundial de fútbol masculino de 2030, que organizará conxuntamente con Portugal e o Estado español. Para o evento, un estudo de Sogecapital Gestion estima que o país norteafricano deberá dedicar até 5.600 millóns de euros.

En contraste con ese gasto, arredor de 13% da poboación activa non ten traballo. Entre as mozas e mozos esta porcentaxe medra até 36,7%, e até 48,4% nas áreas urbanas. Para as persoas que si o teñen, máis de 70% non posúe un contrato regular e o salario mínimo non alcanza os 300 euros.

Ademais, os servizos públicos profundaron a súa deterioración nos últimos anos, nunha situación que chegou ao seu apoxeo coa morte en setembro de oito mulleres embarazadas en Agadir, no sur, cando estaban a dar a luz por medio de cesáreas. A prensa local non tardou en atribuílo ao mal estado do anestésico usado, o que derivou en manifestacións fronte a hospitais.

Entrementres, Akhannouch defendía os “logros” do Executivo no tocante á saúde. Amais de liderar o Gabinete, Akhannouch é tamén alcalde de Agadir e un dos homes máis ricos de Marrocos, cunha fortuna estimada en 1.360 millóns de euros, moi por baixo en todo caso do home con máis recursos económicos do territorio, o rei Mohamed VI, que posúe 4.850 millóns de euros segundo a revista Forbes.

O papel do monarca é cada vez máis cuestionado polas prolongadas estancias fóra do país, que se engaden á guerra de baixa intensidade co Sáhara Occidental, que busca recuperar as zonas ocupadas polos alauitas desde 1975.

Acordo comercial UE-Rabat

Bloque Nacionalista Galego (BNG), EH Bildu, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Partido Nacionalista Vasco (PNV), Sumar e Podemos remitiron unha carta a José Manuel Albares, titular de Exteriores español, para instalo a rexeitar o novo acordo comercial que a Unión Europea (UE) quere asinar con Marrocos, denunciando que busca continuar co espolio do Sáhara Occidental. Aínda que a Xustiza da UE anulou o anterior pacto posto que o Sáhara Occidental non o aprobou, Bruxelas trata de sortear a sentenza. 

Comentarios