O reformista Masud Pezeshkian gaña as eleccións presidenciais en Irán

O presidente electo prometeu promover unha política pragmática, aliviar as tensións provocadas polas negociacións nucleares de 2015 e mellorar o pluralismo político
Pezeshkian tras un mitin de campaña, o pasado 3 de xullo. (Foto: Europa Press / Contacto / Sobhan Farajvan)
photo_camera Pezeshkian tras un mitin de campaña, o pasado 3 de xullo. (Foto: Europa Press / Contacto / Sobhan Farajvan)

O reformista Masoud Pezeshkian logrou a vitoria na segunda volta das eleccións presidenciais iranianas, o que reflicte a profunda insatisfacción coa dirección do país nos últimos anos.

O candidato moderado, de 69 anos, acadou o 53,6% dos votos fronte ao ultraconservador Saeed Jalilí cun 44,3%, nuns comicios que acadaron unha participación do 49,9%, con 30.573.931 votos, o que supón un importante incremento a respecto do 39,9% da primeira volta. Nesta primeira rolda, Pezeshkian impúxose a tres rivais conservadores. 

O presidente electo prometeu promover unha política pragmática, aliviar as tensións provocadas polas negociacións nucleares de 2015 e mellorar o pluralismo político. Mais aínda que o presidente goza de certos poderes en Irán, a máxima autoridade reside no líder supremo, que ten a última palabra en todos os asuntos de estado.

As eleccións anticipadas que levaron a Pezeshkian ao poder celebráronse despois da morte do presidente Ebrahim Raisi nun accidente de helicóptero no remoto noroeste de Irán en maio, xunto co ministro de Asuntos Exteriores Hossein Amir-Abdollahian e outros funcionarios. O lexislador foi o único candidato reformista que aspiraba ao máximo cargo electo do país, despois de que decenas doutros candidatos tivesen prohibido presentarse. 

 

Un rostro moderado

Pezeshkian, ministro de Sanidade co presidente reformista Mohammad Khatami, é cirurxián cardíaco de formación e lexislador. Gañou notoriedade pola súa postura contra a represión das protestas de 2009 e a violencia perpetrada pola Policía da Moralidade en 2022 tras a morte de Mahsa Amini. Amini morreu baixo custodia da policía de moralidade tras ser detida por non respectar o estrito código de vestimenta da República Islámica para as mulleres. Centos de persoas morreron e miles detidas mentres as autoridades tentaban esmagar as protestas, segundo as Nacións Unidas. 

Durante as protestas de 2022, Pezeshkian afirmou nunha entrevista coa televisión iraniana IRINN: "É culpa nosa. Queremos implantar a fe relixiosa usando a forza. Isto é cientificamente imposíbel".

Segundo os expertos, un rostro  máis moderada na presidencia podería facilitar o diálogo entre Irán e os países occidentais. No plano interno, Pezeshkian tamén podería introducir algúns cambios sociais, nos que fixo fincapé durante a súa campaña electoral, aínda que os expertos advirten de que este tipo de medidas están lonxe de estar garantidas.

Comentarios