Nin rastro dun "acto de guerra" nin dunha "sabotaxe". O accidente de helicóptero que acabou coa vida do presidente de Irán, Ebrahim Raisi, e do seu ministro de Exteriores, Hosein Amirabdolahian, cando sobrevoaba a provincia iraniana de Acerbaixán Oriental o pasado 19 de maio non foi intencionado, segundo precisou esta quinta feira o Exército a raíz do segundo informe que elaborou ao respecto.
"A aparición dunha explosión como resultado dun acto de sabotaxe durante o voo e momentos antes de que o helicóptero se estrelase contra a montaña foi descartado, e tampouco se detectaron signos dun acto de guerra electrónica —en alusión a un posíbel hackeo do sistema de navegación—, nin había sinais de ningún ciberataque contra o helicóptero presidencial", sinalaron fontes militares citadas pola axencia iraniana Mehr.
Durante a investigación, que continúa aberta, examinouse "coidadosamente" a aeronave, e non se achou "ningún problema que puidese influír no sinistro". Tampouco afectaría a carga que levaba, pois estaba "dentro do límite permisíbel" tanto no despegue como ao longo de todo o seu percorrido.
Aliás, as conversas que quedaron gravadas entre a tripulación evidencian, segundo as Forzas Armadas, que o último contacto dos pilotos desde que deixaron de responder até o momento do accidente durou 69 segundos, "sen que se rexistrase ningunha declaración de emerxencia nese tempo". Previamente mantivérase contacto nas frecuencias previstas.
Esta mesma quinta feira as autoridades iranianas abriron un prazo de cinco días para rexistrar as candidaturas ás eleccións presidenciais que decorrerán o próximo 28 de xuño, e das que sairá elixido o substituto de Raisi.