Reclaman desde a Galiza a fin do bloqueo dos EUA contra Cuba
A Asociación de amizade galego-cubana Francisco Villamil ratifica o seu chamamento a acabar co "bloqueo económico, comercial e financeiro decretado contra Cuba polos últimos 12 titulares" da Presidencia dos Estados Unidos (EUA), que se someterá a votación na Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 2 e 3 de novembro.
Desde 1992, a resolución anual apoiada pola inmensa maioría dos Estados membros do organismo exixiu en 28 ocasións a Washington que acabe co bloqueo e coas medidas coercitivas unilaterais.
Concentración na Coruña
Para trasladar o apoio a esta posición desde a Galiza, a asociación organizou unha concentración o sábado na Coruña, denunciando o que segundo a Convención contra o Delito de Xenocidio de 1948 é un crime contra a humanidade. Esta mobilización comeza ás 12 horas diante da Subdelegación do Goberno estatal.
A entidade critica que o actual mandatario dos EUA, Joe Biden, ignorara as súas propias promesas electorais e mantivera 240 medidas de reforzo do bloqueo impulsadas nos últimos días do goberno de Donald Trump. Este acoso financeiro "afecta todos os sectores da economía" e xera danos directos "na vida diaria do país", subliñan, intensificando os danos de catástrofes naturais como o furacán Ian.
Ao tempo, estas limitacións impostas ao pobo cubano tamén dificultan enfrontar situacións extraordinarias como o incendio na terminal de superpetroleiros de Matanzas.
Amais, a Francisco Villamil arremete contra unha "violación do dereito internacional" por parte do "goberno máis armado do mundo", que vén sendo utilizada "contra un pobo soberano que ten probado a súa vontade inequívoca de autodeterminación".