Rexeitan en Vigo o bloqueo a Cuba e chaman a defender a soberanía

Conmemoración do asalto ao cuartel Moncada
Un momento do acto de conmemoración e reivindicación decorrido en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un momento do acto de conmemoración e reivindicación decorrido en Vigo. (Foto: Nós Diario)

A tradicional conmemoración do asalto ao cuartel Moncada que decorre cada 26 de xullo en Vigo da man da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil converteuse tamén nun acto de reivindicación polos dereitos do pobo cubano no contexto de bloqueo actual. Unha ampla representación política e sindical quixo estar presente para, aliás conmemorar esta segunda feira o “primeiro acto da revolución”, “defender a soberanía e a independencia de Cuba”

Así o explicaron fontes da entidade promotora, que insistiron na crítica ao “ataque e inxerencia imperialista e á manipulación mediática”.

Con convidadas especiais pola simboloxía extra da homenaxe, en Montero Ríos -fronte á estatua de José Martí- reflexionaron representantes como Ana Miranda (BNG) e Oriana Méndez (Anova), entre outras.

Miranda aludiu á proliferación de “redes solidarias contra o bloqueo”, malia que non todas seguirán o camiño agardado, e lamentou que no canto de mellorar a situación, o pobo cubano padecese un “endurecemento”. A portavoz do BNG en Europa denunciou “o bloqueo a tres niveis: económico, financeiro e comercial” e a “manipulación informativa” do que está a acontecer na illa. 

Pola súa banda, Oriana Méndez trasladou os azos por parte de Anova e reflectiu, nas súas palabras, o respecto á “causa da revolución”.

Ademais, lembrou que “neste 26 de xullo tamén se pode lembrar o 25 de abril” ao fío do falecemento de Otelo Saraiba de Calvalho, peza chave da democracia en Portugal

No acto tamén estiveron presentes Anxo Igrexas (CIG); Ricardo Castro (CUT); Rubén Pérez (EU); Eva Solla (PCG); Xosé Collazo (PCPG); Marina Quintillán (PCTG); e o cónsul Ángel Torres en nome da delegación de Cuba na Galiza. 

Comentarios