O custo do bloqueo: Cuba estima en 15,2 millóns de euros ao día as perdas económicas

Desde o inicio do bloqueo estadounidense hai xa seis décadas, a illa perdeu perto de 154.217 millóns de euros, defende o Ministerio de Exteriores.
O ministro de Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez, explicou ante os medios as estimacións da Habana sobre o bloqueo. (Foto: Goberno de Cuba)
photo_camera O ministro de Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez, explicou ante os medios as estimacións da Habana sobre o bloqueo. (Foto: Goberno de Cuba)

154.217 millóns de dólares. Esas son as perdas económicas estimadas polo Goberno cubano por mor do bloqueo ao que está sometida a illa desde hai xa seis décadas. Ao cambio actual serían perto de 157.603 millóns de euros.

Así o manifestou na tarde desta quinta feira o ministro de Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez, quen enfatizou en que esta situación supón unhas perdas mensuais duns 454 millóns de dólares —464 millóns de euros—, o que se traduce en arredor de 15,2 millóns de euros menos para a illa cada día.

Nos 14 primeiros meses de mandato do presidente Joe Biden nos Estados Unidos, precisou Rodríguez, Cuba perdeu 6.503,7 millóns de euros, unha cifra que cualificou de "récord histórico".

"Entre agosto de 2021 e febreiro de 2022, as perdas ocasionadas polo bloqueo están na orde dos 3.806 millóns de dólares —uns 3.889,5, en euros—. É unha contía histórica para un período reducido de sete meses", lamentou.

Ao mesmo tempo, o ministro sinalou que o produto interior bruto (PIB) de Cuba, segundo datos "moi conservadores", "puido medrar" neste tempo, "malia as circunstancias adversas que enfronta a economía cubana, en 4,5% de non aplicarse esas medidas".

"É unha cifra exorbitante para unha economía cativa, sen grandes recursos naturais, insular, subdesenvolvida, como a cubana. Imaxinen vostedes, imaxine o noso pobo, o que podería facer Cuba dispondo deses recursos. como sería Cuba hoxe se o país dispuxese [no pasado] deses recursos", engadiu.

Da mesma forma, Bruno Rodríguez acusou Biden de "continuar por inercia" a "mesma" política que o seu predecesor no cargo, Donald Trump, no que atinxe ao bloqueo sobre a illa, que foi fortalecido polo ex presidente republicano entre 2016 e 2020.

"Cuba ten dereito a vivir sen bloqueo, ten dereito a vivir en paz. Cuba estaría mellor sen bloqueo, mellor. Todos estarían mellor sen el. Estados Unidos sería un mellor país sen o bloqueo a Cuba", defendeu o ministro Rodríguez.

Comentarios