Solidariedade galega con Cuba após o tráxico incendio de Matanzas

A asociación de amizade galego-cubana Francisco Villamil fai entrega da primeira achega solidaria desde o país por valor de 4.650 euros e insta a colaborar.
Vista aérea do incendio que acabou coa vida de 16 persoas. (Foto: Goberno Provincial de Matanzas)
photo_camera Vista aérea do incendio que acabou coa vida de 16 persoas. (Foto: Goberno Provincial de Matanzas)

A Galiza solidarízase co pobo cubano. A asociación de amizade galego-cubana Francisco Villamil vén de enviar unha primeira achega solidaria a Cuba após o tráxico incendio no depósito petroleiro de Matanzas.

O incidente, producido a principios de agosto nesta localidade cubana, saldouse con até 16 persoas desaparecidas nos labores de extinción e control das chamas, boa parte bombeiros.

Agora desde a entidade fan esta primeira achega por un valor de 4.650 euros, agradecen a colaboración de "ducias de galegas e galegos" e instan a contribuír ás persoas que aínda non o fixeron con, principalmente, medicamentos e material sanitario urxente.

Neste senso, fan fincapé no bloqueo que sofre a illa. "Malia a conmoción nacional causada por este grave suceso que roubou a vida de 16 traballadores, o infame bloqueo, que vai camiño de sumar 61 anos, non cesou", lamentan.

Tampouco cesou neste tempo, engaden, "o peso das sancións dos EUA contra a economía, a saúde e o dereito de Cuba a se relacionar en paz co resto do mundo, igual que acontecera, para vergoña do Imperio, nos momentos críticos da Covid-19".

Homenaxe en Matanzas

A pasada semana as autoridades renderon homenaxe ás vítimas desta traxedia, nun acto ao que asistiron o presidente do país, Miguel Díaz-Canel, e o ex dirixente Raúl Castro.

Comentarios