A realidade paralela da desinformación nas redes sociais sobre a situación en Cuba

Manifestación a prol da Revolución o pasado sábado no malecón da Habana (Cuba). (Foto: Granma)
Despois dos disturbios do 11 de xullo, a situación na illa estivo marcada pola desinformación, nunha acción que as autoridades de Cuba cualificaron como unha campaña organizada desde o exterior para xustificar unha intervención en contra de Cuba pola situación creada pola pandemia e o bloqueo dos EUA.

O pasado sábado, as rúas de varias cidades cubanas, principalmente no Malecón da Habana, enchéronse nunha manifestación impulsada desde o Goberno en defensa da Revolución, como feche da axitación provocada polos disturbios do 11, e en menor grao, do 12 de xullo.

Na súa intervención, Miguel Díaz-Canel, presidente de Cuba, recoñeceu “as difíciles condicións provocadas pola pandemia e a intensificación do bloqueo dos Estados Unidos”, ao tempo que cuestionou a “campaña de intoxicación mediática” instigada desde Washington, aproveitándose da situación. “O que o mundo ve sobre Cuba é unha mentira: un pobo levantado contra o Goberno e o Goberno oprimindo”, resolvía o mandatario.

Con distintos adxectivos, a prensa internacional foi recoñecendo nas últimas xornadas a volta á normalidade en Cuba, unha situación que dista moito da “realidade” que amosan varios dos cancelos denunciados como accións organizadas desde o estranxeiro polo ministro de Relacións Exteriores da illa, Bruno Rodríguez, #CanalHumanitarioCuba, #SOSCuba e #SOSMatanzas.

O máis utilizado deles é #SOSCuba, fonte principal de novas falsas que se multiplicaron nas redes sociais ofrecendo unha imaxe de conflito permanente a semana pasada, a par que solicitaba unha intervención "humanitaria".

Unha realidade paralela

Un repaso polo cancelo permite observar ducias de vídeos sen verificar a súa autenticidade nin indicar hora e lugar, repetidos múltiples veces coa mensaxe de que foron gravados “hai unha hora”. Amais, foron usadas tanto nas redes como nalgúns medios imaxes e vídeos das e dos manifestantes a prol da Revolución que saíron o mesmo domingo, coma protestas en contra do Goberno, incluíndo convocatorias masivas de antes da pandemia como o 1 de maio, vendidas como actuais.

Como rexistra Maldita, medio encargado do esclarecemento de novas falsas, a celebración pola vitoria de Arxentina na Copa América, que decorreu no Obelisco de Bos Aires; as protestas en Exipto en 2011 e até a Diada de 2016 en Catalunya, foron difundidas como documentos audiovisuais do “pobo cubano” saíndo a rúa contra o Executivo.
A segunda feira, chegaban os vídeos de centos de barcos que en teoría saían cara Cuba capitaneados pola comunidade de emigrantes en Florida, ávida de colaborar para derrocar o Goberno que encabeza Díaz-Canel, e chamando a unha insurrección xeral.

24 horas despois, as redes facían pública a nova do día, en Camagüey, a presión das persoas que protestaban leva a detención do primeiro secretario do Partido Comunista de Cuba (PCC) na zona e a toma da cidade, que desde os cancelos celebran como “a primeira cidade liberada de Cuba”. Pouco despois, era o mesmo primeiro secretario o que publicaba un vídeo da situación na cidade desmentindo a nova.

A medida que se facía máis evidente o fracaso do “levantamento”, comezaron a aparecer as imaxes de agresións da policía, en moitos casos con toda clase de acentos latinoamericanos, Maldita identificou a orixe de varios destes documentos, como o dun menor cuberto de sangue que foi ferido hai uns días no barrio Cota 905 de Caracas (Venezuela), durante un enfrontamento entre a Policía e bandas armadas, coa mensaxe “están matando os nosos nenos en Cuba”.

Tamén foi vendida como proba da represión do Goberno cubano unha agresión de policías brasileiros que golpeaban a un home no chan en 2017, ou a dramatización dun tiroteo en Porto Rico no medio dun evento relixioso.

A sexta feira, o día anterior ás marchas convocadas a favor da Revolución, o ABC facíase eco do balbordo nas redes sociais, publicando que “Dimite o viceministro de Interior en Cuba, en desacordo polo uso de forza excesiva contra os manifestantes”.

Cando a información foi desmentida varios artigos xa alertaban da “descomposición” das institucións cubanas polos centos de renuncias de altos cargos, coincidindo coa publicación dunha fotografía de Raúl Castro nunha visita a Costa Rica en 2015 que demostraba “a súa fuxida a Venezuela”.

Unha operación organizada

O activista contra a desinformación dixital, Julián Macías Tovar, analizou dous millóns de chíos co cancelo #SOSCuba en Twitter, “que comezou pedindo axuda humanitaria coa participación de artistas e miles de contas de creación recente”, indica.

O cancelo #SOSCuba reactivouse o 5 de xullo xunto con #SOSMatanzas, pola situación sanitaria no hospital desa cidade cubana, incrementándose os chíos a medida que pasaban os días. O 9 e 10 de xullo publicáronse centos de miles de chíos con estes cancelos. A primeira conta que os utiliza nas súas mensaxes mencionando a pandemia procede do Estado español, e escribe mil chíos tanto o 10 como o 11 de xuño, chegando a facer até cinco rechouchíos automáticos por segundo.

O 10 de xullo Cuba rexistra o seu récord de falecementos pola pandemia de Covid-19, 31 persoas, explica Macías, a partir do cal se lanza a campaña para o domingo 11 de xullo, salientando que as contas con máis difusión son habituais en campañas “sobre desinformación e bots”.

A investigación desenvolta polas autoridades cubanas, comunicada polo ministro de Relacións Exteriores, sinala a empresa estadounidense ProActivo Miami Incorporations como a organizadora e executora da campaña. O primeiro uso do cancelo #SOSCuba deseñado pola compañía, viu durante a votación o 23 de xuño na Organización das Nacións Unidas en contra do embargo cubano, moción que só foi rexeitada por Estados Unidos e Israel.

Unha semana antes, o 15 de xuño, a empresa recibira a certificación do Departamento de Estado de Florida (EUA) para recibir fondos estatais, denunciou Rodríguez, que exixiu ao Executivo que encabeza Joe Biden que negue ou recoñeza esta campaña.

O papel de Twitter nos disturbios

“Unha acción inorgánica desde o territorio dos EUA, co apoio de troles, medios dixitais, activistas e sistemas automatizados para converter unha mensaxe en tendencia mundial”, así definiu a campaña nas redes sociais o ministro de Relacións Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez, que denunciou que Twitter non activou os seus sistemas antispam, co que lle solicita que cumpra coa súa propia política ao respecto.