luns 18/01/21

EUA volve incluír Cuba na súa lista de estados que apoian o terrorismo

O anuncio faise a poucos días do fin da Administración Trump. Desde a Habana lembran que a illa sufriu numerosos ataques terroristas “patrocinados” polos Estados Unidos e que causaron 3 478 vítimas mortais e 2 099 persoas ficaron con secuelas.

Mike Pompeo (Foto: White House)
Mike Pompeo (Foto: White House)

A Administración do aínda presidente dos EUA, Donald  Trump, volveu incluír Cuba na súa lista negra de Estados que apoian o terrorismo, da cal fora retirada en 2015, polo entón presidente estadounidense Barack Obama. Estados Unidos suma así Cuba a Irán, Corea do Norte e Siria, entre outros. EUA xa metera Cuba en maio de 2020 nunha lista de países que considera que non cooperaban cos seus “programas antiterroristas”.

A decisión foi anunciada a poucos días do fin do mandato de  Trump na Casa Branca. “O continuo apoio de Cuba ao terrorismo no hemisferio occidental ten que ser impedido”, escribiu o secretario de Estado dos EUA,  Mike Pompeo, na súa conta de twitter

“Hoxe, os Estados Unidos volven colocar Cuba na lista de Estados que apoian o terrorismo para responsabilizar o réxime de Castro polo seu comportamento maligno”, denunciou Pompeo

Nunha declaración citada pola AFP, o xefe da Diplomacia norteamericana acusou Cuba de “apoiar repetidamente actos de terrorismo internacional ao dar refuxio a terroristas”.

En resposta, o ministro dos Negocios Estranxeiros cubano, Bruno Rodríguez, criticou o “ oportunismo político” da Administración  Trump. “Condenamos a designación  cínica e hipócrita de Cuba como Estado  patrocinador do terrorismo anunciada polos Estados Unidos da América. O  oportunismo político desta acción é recoñecido por todos os que están realmente preocupados polo terrorismo e as súas vítimas”.

Nunha declaración, o Goberno cubano lembra que “Cuba é unha estado vítima do terrorismo e a nosa poboación sufriuno en carne propia, ao prezo de 3 478 vítimas mortais e 2 099 persoas con discapacidade, por actos cometidos polo goberno dos Estados Unidos ou perpetrados e patrocinados desde territorio dese país coa tolerancia das autoridades oficiais”.

“Os cubanos – prosegue - repudiamos con desprezo toda manobra dirixida a manipular un tema tan sensíbel, para groseiros propósitos de oportunismo político”

comentarios