A demografía, unha bomba de reloxaría na China

A caída no número de nacementos na China, lonxe de ser un dato simbólico no país máis poboado do mundo, ten graves consecuencias para o desenvolvemento socioeconómico da actual segunda potencia económica do mundo. Precisamente ao progreso dos últimos anos é que o Goberno achaca o problema da baixa natalidade.
hohhot_school_fernando-arrizado
photo_camera Exercicios físicos nun colexio de Hohhot, capital da rexión autónoma chinesa de Mongolia Interior (Foto: F.A.)

"Sendo a China o país máis poboado do mundo, o Goberno chinés soporta responsabilidades máis pesadas no desenvolvemento económico e social que moitos outros. Tendo erradicado a pobreza absoluta con arduos esforzos, a China está a mellorar continuamente o nivel de vida da súa cidadanía e contempla máis progresos substanciais na prosperidade común".

A axencia oficial de noticias chinesa, Xinhua, puña deste modo en contexto os datos do censo decenal de 2020 dados a coñecer esta semana, cun preocupante dato para o futuro socioeconómico do país: a poboación da China medrou 5,38% na última década, ao ritmo máis lento desde o primeiro rexistro moderno (1953), e está próxima a reverter o seu histórico crecemento polo envellecemento poboacional e o descenso da natalidade nos últimos anos.

No país con máis poboación do mundo ─1.410 millóns de habitantes, seguido moi de cerca pola India, que tiña 1.210 millóns no censo de 2011─ parecería a priori un dato irrelevante, mesmo de "alivio". Porén, para a saúde das arcas do Estado equivale á detección dun tumor maligno. Un dato que se acaba de dar a coñecer, mais que obviamente o Goberno xa coñecía de hai tempo. 

Asunto espiñento

De feito, a súa publicación estaba prevista para principios de abril. O día 16, Liu Aihua, portavoz da Axencia Nacional de Estatística, sinalou que o atraso se debía á necesidade de "máis traballo de preparación" de cara ao anuncio oficial. Unha decisión criticada en Weibo (rede social chinesa, mestura de Facebook e Twitter).

A correspondente en Beijing do diario liberal británico Financial Times, Sun Yu, citando fontes "familiares coa investigación" apuntaba o 27 de abril que o actual censo recollería xa a primeira caída na poboación desde a Fame Chinesa (1958-1961). 

"Os resultados do censo terán un impacto inmenso en como a poboación chinesa ve o seu país e como varios departamentos do Goberno traballan. Teñen que ser xestionados con moito coidado", explicáballe Huang Wenzheng, investigador no instituto de análise con sede en Beijing Centro para China e a Globalización.

Finalmente, o censo mostra a lixeira medra, mais oficialmente o problema segue aí. Segundo datos da ONU, a poboación chinesa alcanzará o seu máximo en 2030 e aí comezará a decrecer.

O 14º plan quinquenal (2021-2025), aprobado a mediados de marzo nas lianghui, as "dúas sesións" parlamentarias anuais da Conferencia Consultiva Política do Pobo Chinés e da Asemblea Popular Nacional, xa recollía as estratexias para tentar atallar o problema, tales como "políticas para optimizar a fertilidade, mellorar o sistema asistencial á poboación e promover un desenvolvemento equilibrado da poboación a longo prazo".

Xubilarse máis tarde

O "longo prazo" que se marcan as autoridades é 2035. Nese ano, segundo un informe de 2019 elaborado pola Academia Chinesa de Ciencias Sociais, é que se calcula que o principal fondo de pensións do país se esgotará. En 2011, por cada pensionista había 3,1 traballadores, en 2050 a cifra podería baixar até 1,3.

 A China é un dos países do mundo coa idade de xubilación máis baixa: 50 anos para as obreiras, 55 para as administrativas e 60 para a maioría dos homes. As autoridades anunciaron en abril que durante este próximo período quinquenal "atrasarán gradualmente a idade de xubilación" para contrarrestar a minguante porcentaxe de poboación en idade laboral. A medida non sentou ben nun país onde, malia que a xornada é legalmente de 40 horas semanais, a cultura de eternos días de traballo está moi estendida.

A falta de nacementos fai que, a pesar de que a esperanza de vida na China non é especialmente alta (77,4) ─comparada coa xaponesa (84,3) ou coa galega (83,3, a máis alta de toda Europa)─, si que comparte con este dous países o problema de ter unha sociedade envellecida. A poboación en idade laboral na China baixou desde 70,1% a 63,3% nesta última década, en tanto que a dos maiores de 60 anos subiu máis de cinco puntos até 18,7%, apuntou Global Times, xornal global dependente do estatal Diario do Pobo.

Carestía da crianza

A que é debido? O director da Axencia Nacional de Estatística, Ning Jizhe, defendeu que a baixa taxa de fertilidade é resultado natural do progreso socioeconómico da China, país que en 2016 substituíu a política do fillo único ─estabelecida a finais da década de 1970 para controlar a explosión de natalidade na altura─ por outra que a limita a dous. Porén, non está a ofrecer resultados. 

Os datos do censo decenal mostran unha taxa de fertilidade de 1,3 crianzas por muller en 2020 (na India é de 2,3) na que actualmente é a segunda potencia económica do mundo, mais que aínda está moi lonxe da riqueza acumulada polos países do G7.

As parellas urbanas, especialmente as dos nacidos a partir da década de 1990, valoran máis a súa independencia e o desenvolvemento profesional; iso nunha sociedade historicamente tradicional, onde os maiores seguen a presionar os fillos para que lles dean netos. Ademais, segundo datos oficiais recollidos por Reuters, a crianza dun neno nas cidades cuadriplicouse desde 2005. 

Mais a nova na gobernamental Xinhua ofrecía, con todo, un ton máis optimista: "Cunha poboación en idade laboral de 880 millóns, a China ten suficiente forza de traballo. Co nivel educativo da poboación seguindo a mellorar, os beneficios do novo talento no país emerxerán gradualmente". 

Un millóns de iuans por cada nacemento

Os expertos din que se a China quere manter o nivel de crecemento actual debe reverter a tendencia xa, ou o custe asistencial que supón unha sociedade envellecida freará en seco a tendencia dos últimos anos. Neste sentido, apostan por maiores subsidios para que as parellas teñan crianzas e poidan afrontar a carestía de vivir en cidades como Beijing ou Shanghai.

A proposta máis arriscada chegou nas últimas horas por parte de Liang Jianzhang, profesor na Facultade de Economía da Universidade de Beijing, que nun vídeo en Weibo pediu ao Goberno que entregase ás parellas un cheque de un millón de iuans ($156,000) por cada novo bebé, segundo recolleron as axencias internacionais.

Liang cre que unhas ducias de miles non son incentivo dabondo, e calculou que elevar a taxa de fertilidade de 1,3 a 2,1 ─cifra que garante o reemprazo xeracional─ suporía un investimento de 10% do Produto Interior Bruto (PIB).

Comentarios