Xulio Ríos: "A China non se conforma con ser a fábrica do mundo"

O presidente de honra do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) e un dos maiores expertos na China, Xulio Ríos, publica un libro no que detalla a evolución do Partido Comunista Chinés no seu centenario. 'Nós Diario' descobre da súa man as chaves que achegan a China a converterse na primeira potencia.
O ensaísta e experto na China Xulio Ríos, autor de 'A metamorfose do comunismo na China'. (Foto: Kalandraka)
photo_camera O ensaísta e experto na China Xulio Ríos, autor de 'A metamorfose do comunismo na China'. (Foto: Kalandraka)

“Cando percorres 90 pasos dun camiño de 100, aínda che falta a metade do camiño”, con este proverbio chinés describe Xulio Ríos, autor de A metamorfose do comunismo na China (Kalandraka), a situación do xigante asiático, cuxa forza política principal, o Partido Comunista Chino (PCCh), fai 100 anos este 23 de xullo.

“O centenario é un reflexo”, salienta Ríos, que destaca a “proeza da modernización” da China a partir de 1949, cando se funda a República Popular, “outro centenario de suma importancia”, unha data na que o último plan quinquenal prevé completar unha parte importante do proceso de desenvolvemento.

Este proceso se por algo se distingue é por ter “características chinas”, o Estado pon a énfase principal “en dar resposta a situacións e problemas concretos, coñecendo todas as opinións, mais actuando por si mesmo” indica. Ríos achaca isto á importancia que a soberanía nacional ten para o PCCh, despois da colonización sufrida nos séculos XIX e comezos do XX por parte das potencias europeas e Xapón.

O mercado na China

Esta conciencia clara “de ser un país destruído por 25 anos de guerra” traduciuse nun modelo de desenvolvemento orientado á mellora constante das condicións de vida. Desde 1949, a China foi capaz de duplicar oito veces o seu Produto Interior Bruto (PIB), con distintas fases e un modelo que foi evolucionando mais que nunca supuxo a perda do control da economía por parte do Estado.

“Na China hai mercado”, explica Ríos, “só que é un mercado dirixido por un Estado que permite a iniciativa privada mais sempre sometida ao interese xeral”, o que lle dá ao sistema público uns resortes para controlar a situación social que en Europa e os países occidentais “perderon hai tempo”.

Como exemplo disto, a crise económica desatada en 2008, que no mundo occidental implicou “políticas de recortes e limitación de liberdades”, sinala. Pola súa banda, a China apostou por grandes paquetes de estímulo económico e social “que permitiron manter o crecemento e até expandir as liberdades”, ao resgardar o Estado unha parte importante da economía.

"A China non se conforma con ser a fábrica do mundo”, defende Ríos, que detalla o cambio dun modelo de crecemento acelerado que lles permitiu dar un salto na capacidade de investimento e no desenvolvemento da poboación cara a un modelo no que buscan estar á vangarda en ciencias ou tecnoloxía, achegando valor engadido á súa produción. Unha vía propia que os levou “a pór un vehículo en Marte” ou a “superar os EUA no número de patentes anuais”.

A contradición principal

Esta evolución tamén tivo consecuencias na visión teórica do PCCh. Até o último Congreso, a contradición principal que identificaba o partido na sociedade chinesa situábase entre a capacidade de produción e as demandas da sociedade. Despois do seu XIX Congreso en 2017, no que Xi Jinping consolidou a súa posición á fronte do PCCh e da República Popular, a contradición principal pasou a estar entre a demanda social e o desenvolvemento desequilibrado.

Esta mudanza é indisolúbel da fase de desenvolvemento na que se atopa a China, a última antes de rematar o camiño cara a “modernización do país”, que a leve a equipararse a nivel socioeconómico coas grandes potencias e a ocupar o seu papel na gobernabilidade mundial. “Unha etapa crucial”, defínea Xulio Ríos, que marca 2033 e 2049 como as datas para culminar os aspectos principais.

Mais, “á China aínda lle falta camiño”, abunda Ríos, que apunta que unha vez superados os obxectivos en termos absolutos aínda estarán pendentes de resolver cuestións como a desigualdade no ingreso, “600 millóns de persoas gañan menos de 1.000 yuans mensuais”, precisamente nese sentido, un dos obxectivos marcados no actual plan quinquenal é introducir eses “600 millóns de persoas na clase media”.

Terceiro mandato

Baseado na situación actual e nas dinámicas dentro do PCCh, Ríos considera que é probábel que Xi Jinping prorrogue o seu Goberno cando menos unha nova lexislatura, rachando coa institucionalidade creada na época de Deng Xiaoping para evitar os erros da Revolución Cultural, pero en coherencia cos perigos e os medos que identifican no último treito da vía cara a modernización do país, o que tamén leva aparellada unha menor pluralidade no seo do PCCh.

A aposta de Xi é apuntalar o estado de dereito baseado no lexismo, unha corrente xurídica china, e a conversión nun Partido top level design, capaz de liderar a sociedade, lexitimarse por medio da súa capacidade de xestión e por transformar a China de 1949, un dos países máis pobres naquela altura, na primeira potencia mundial.

Comprender a China

Aínda que os medios de comunicación occidentais xogan o seu papel para minimizar, ridiculizar e banalizar o coñecemento sobre a China, o autor recoñece que unha dificultade obvia para aproximarse a ese mundo “é o diferente que é”, ao evolucionar xa non como un Estado de seu, senón como unha civilización, “a única das grandes civilizacións que segue viva”, o que a levou a desenvolver nos últimos dous mil anos unha cultura específica e orixinal, “na que o universo confuciano ten moito que ver”.

Isto é aproveitado polos EUA, Xapón ou a Unión Europea para pór o seu poder brando ao servizo de evitar o ascenso da China, un conflito que vai durar “até que descubran que a única posibilidade no futuro é coexistir”, asegura, polo que se deseñan, di, campañas de desinformación orientadas a vender a imaxe de que a China é o demo, acusándoa de xenocidios ou limpezas étnicas pola súa resposta ao terrorismo de grupos uigures, con sede na provincia de Xinjiang, mentres “contemporizan coa represión e suspensión da autonomía de Cachemira por parte da India”, ou co masacre que está a cometer Israel contra o pobo palestino.

Esta guerra de imaxe contra a China non quita que haxa “moito que avanzar en materia de nacionalidades”, matiza Ríos, e menciona a redución de falantes na lingua propia na rexión de Mongolia Interior. Con respecto a Xinjiang, onde viaxou, sinala que “é unha zona militarizada cunha situación mellorábel”.

Comentarios