PSOE e PP reuniranse de novo o 12 de febreiro para renovar o Poder Xudicial

Junts insiste en que a amnistía ten que ser "integral" e "inmediata".
Félix Bolaños, Didier Reynders e Esteban González Pons, hoxe. (Foto: Comisión Europea)
photo_camera Félix Bolaños, Didier Reynders e Esteban González Pons, hoxe. (Foto: Comisión Europea)

Coa mediación do titular de Xustiza da Comisión Europea, Didier Reynders, os representantes do PSOE, o ministro de Xustiza e Presidencia, Félix Bolaños, e do Partido Popular (PP), o vicesecretario de Asuntos Institucionais, Esteban González Pons, xuntáronse hoxe na primeira reunión para desbloquear a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial.

O órgano leva máis de cinco anos en funcións polo bloqueo do PP, mantendo a maioría conservadora.

As negociacións, canda a supervisión da Unión Europea (UE), foron pactadas polos líderes de ambas as dúas formacións, Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo, respectivamente, en decembro.

O PP defende que a renovación ten que producirse ao tempo que se acorda unha reforma no sistema de elección. Tanto Bolaños como González Pons deixaron entrever avances, mais sen entraren en detalles.

Entrementres, Reynders confirmou que se pactou unha segunda reunión o próximo 12 de febreiro.

Lei de amnistía

No que atinxe ao proxecto de lei de amnistía, que Junts impediu que se aprobara a terza feira no Congreso español demandando que se aceptaran as súas emendas para incluír os delitos cos que o sistema xudicial español, controlado polos conservadores, está a perseguir os líderes independentistas cataláns, o secretario xeral da formación, Jordi Turull, advertiu ao PSOE que estará a pór en risco o pacto para a investidura de Pedro Sánchez como presidente estatal de non aprobarse unha amnistía “integral e de aplicación inmediata”.

Porén, Bolaños reiterou que a norma “vai manterse así” na Comisión de Xustiza, á que volveu unha vez rexeitada polo Pleno da Cámara Baixa.

Comentarios