A UE, máis perto de embargar o petróleo ruso tras o apoio de Alemaña

O Goberno alemán avoga por cortar o subministro de petróleo ruso aos países da Unión Europea, como pedía Ucraína, se ben recoñece que "outros países aínda non están preparados". Os ministros de Enerxía do ente comunitario reúnense esta segunda feira para abordar a situación emerxética.
A dependencia rusa de Alemaña pasou de 35% a 12%, afirma o Goberno. (Foto: World Energy Trade)
photo_camera A dependencia rusa de Alemaña pasou de 35% a 12%, afirma o Goberno. (Foto: World Energy Trade)

O Goberno de Alemaña mostrou esta segunda feira o seu apoio á imposición dun embargo de petróleo a Rusia pola súa invasión de Ucraína, principiada o pasado 24 de febreiro, nun contexto de grandes esforzos internacionais por incrementar a presión sobre Moscova.

A ministra de Exteriores alemá, Annalena Baerbock, indicou en declaracións á canle de televisión ARD que Berlín está "preparado" para facer fronte a un escenario sen petróleo ruso durante varios anos.

Así, explicou que os novos contratos sobre a subministración de petróleo reduciron de forma significativa a dependencia de Rusia, co consumo caendo de 35% a 12% en "cuestión de poucas semanas".

Con todo, o ministro de Economía de Alemaña, Robert Habeck, recoñeceu que aínda non hai un acordo sobre este asunto e destacou que "outros países non están aínda preparados" para adoptar esta medida.

Habeck recoñeceu que un embargo petroleiro a Rusia tería un impacto sobre o país e que habería alzas nos prezos, ao mesmo tempo que apuntou que podería implicar déficits temporais. Pola contra, subliñou que esta medida non implicaría que Alemaña caese nunha "crise petroleira".

Os ministros de Enerxía da Unión Europea (UE) manterán esta mesma segunda feira unha reunión extraordinaria para abordar a situación enerxética no mercado comunitario no contexto da invasión rusa de Ucraína e logo de que a compañía de gas estatal rusa, Gazprom, decidise cortar a subministración a Polonia e Bulgaria a semana pasada ante a negativa de ambos os países de pagar o gas en rublos, como exixe o Kremlin.

Neste contexto, o ministro de Exteriores de Ucraína, Dimitro Kuleba, pediu o domingo ao Alto Representante da UE para Política Exterior e Seguridade Común, Josep Borrell, que o próximo paquete de sancións contra Rusia inclúa un embargo do petróleo.

Comentarios