O presidente de México acusa o Estado español de "falta de respecto"
O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, aclarou un día despois da visita do ministro de Asuntos Exteriores español, José Manuel Albares, que "continúa a pausa" nas relacións co Estado español, porque considera que non hai "unha actitude de respecto" da parte española.
"Envieille unha carta respectuosa ao xefe do Estado, ao rei de España, e nin sequera tivo a atención de contestarme", lamentou en rolda de prensa, en alusión á misiva enviada en marzo de 2019 na cal reclamaba a España que admitise a súa "responsabilidade histórica".
Neste sentido, sinalou que o Papa Francisco contestou "todas" as cartas que lle enviou. "E non necesariamente coincidiamos", apostilou.
No caso do Estado español, o mandatario mexicano cre que, para abrir "unha etapa nova nas relacións", é "importante" que haxa un "xesto de humildade" en que se recoñeza "o exterminio, a represión e os asasinatos dos pobos orixinarios deste país".
López Obrador afeou que haxa quen desde España cuestione esta petición de desculpas. "Saen con que temos que agradecerlles que viñeran civilizarnos", dixo durante a súa comparecencia diaria ante os medios de comunicación.
"Non somos terra de conquista"
Así mesmo, sinalou que as empresas españolas actúan "coa mesma actitude de prepotencia" e advertiu de que a situación cambiou en México con respecto ás políticas de Gobernos anteriores. "O que non queremos é que nos vexan como terra de conquista", engadiu.
Con todo, López Obrador afirmou que non impide "ningunha empresa" facer negocios en México, a condición de que estes sexan "lícitos".