Preocupación en Alemaña pola redución de gas

O ministro alemán de Economía, Robert Habeck, asegura que en caso de escaseza grave, reduciríase a subministración da industria.
Fogón de gas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fogón de gas (Foto: Nós Diario).

O anuncio da empresa gasista rusa Gazprom de que, a partir desta cuarta feira, reducirá á metade a subministración actual a través do gasoduto Nord Stream 1, creou alarma en Alemaña.

O gasoduto actualmente opera nun 40% da súa capacidade, co que a partir desta cuarta feira reducirase un 20%, o que supón uns 33 millóns de metros cúbicos de gas por día. Este anuncio de Moscova provocou unha forte subida do prezo do gas natural en Alemaña. 

O ministro alemán de Economía, Robert Habeck, afirmaba que esta situación formaba parte "dun castigo de Rusia polas sancións". Mentres, desde Moscova, continúan aludindo á revisión dunha nova turbina como a causa desta redución. 

Alternativas enerxéticas

A Unión Europea no seu conxunto -e Alemaña en particular- dependen en gran medida do gas ruso. E aínda que se están movendo rapidamente para atopar alternativas, a enerxía segue sendo unha área de vulnerabilidade.

Habeck asegurou que Alemaña está a traballar para reducir o consumo de gas, as subministracións desde os Países Baixos e Noruega seguirán chegando, aínda que os posíbeis escenarios para o inverno dependen da cantidade de gas que os alemáns puidesen aforrar. 

Así mesmo, subliñou que en caso de escaseza grave, a subministración á industria reduciríase antes que a dos fogares ou as infraestruturas protexidas, como os hospitais.

A industria, de feito, xa é unha das grandes afectadas pola situación actual de restricións e viuse obrigada a limitar a súa produción ou abandonar parcialmente a súa actividade, segundo unha enquisa da Cámara de Comercio e a Industria de Alemaña.

Comentarios