A ofensiva anti-catalá do Estado

PP e PSOE pactan eleccións en xaneiro en Catalunya e intervir a TV3

O artigo 155 xa está aquí e vai supor non só a liquidación da "autonomía" catalá, senón a usurpación de competencias que estatutariamente lle corresponden ao president.

sanchez
photo_camera Sánchez e Rajoy no seu último encontro na Moncloa

Retirar unha competencia exclusiva de Puigdemont como titular do Govern, a disolución do Parlament para chamar a novas eleccións. Iso é o que teñen pactado PP e PSOE, segundo o que se tira das revelacións feitas esta sexta feira a distintos meios pola dirixente socialista Carmen Calvo. A Moncloa tería pactado con Ferraz eleccións antecipadas en Catalunya para o mes de xaneiro, mais tamén a intervención sobre os meios de titularidade pública de Catalunya.

Este sábado vai haber consello de ministros extraordinario para abrir o rego á aplicación efectiva do artigo 155 da Constitución española, aquel en virtude do cal se pode suspender a "autonomía" dun territorio. O Executivo listará unha serie de medidas a pór en marcha en Catalunya e dará traslado das súas propostas ao Senado. A Cámara Alta é formalmente quen as debe aprobar. Ningún problema para Rajoy: o PP non só dispón de maioría absoluta no Senado, senón que neste momento a aplicación do 155 conta co respaldo do tripartito constitucionalista: PP, PSOE e CS.

Non hai experiencia no Estado español -nen no alemán, a Constitución española copiou o 155 da Lei fundamental teutona- de como se desenvolve este artigo. Tampouco está regulado por ningunha lei orgánica. Todo fica por tanto ao arbitrio das forzas políticas que o apoian.


Segundo revelou esta sexta feira a TVE Carmen Calvo, o que teñen pactado PP e PSOE é asumir a competencia da disolución do Parlament, faculdade que o Estatuto reserva ao president do Govern. O acordo sería convocar eleccións en xaneiro. Esta mesma sexta feira, o catredrático de direito constitucional da Universitat de Barcelona Xavier Arbós, nunha entrevista con NacióDigital, negaba que o artigo 155 facultase ao Estado para avanzar os comicios. Esa competencia é exclusiva do president, asumila sería tanto como "modificar o Estatuto por decreto".

En todo caso, PP e PSOE teñen claro cais son as competencias básicas a asumir para desmontar o procés: a faculdade de convocar eleccións antecipadas, o control dos Mossos d'Esquadra e a intervención dos meios de titularidade pública cataláns, TV3 e Catalunya Radio.

Comentarios