Portugal implanta novas restricións: máscara obrigatoria na rúa e limitación da circulación

Dado que a incidencia na Covid-19 segue a incrementarse en Portugal, o Goberno de António Costa aprobou na quinta feira novas medidas restritivas que afectan todo o país.

Un home pasea por Lisboa cunha máscara (Imaxe: Pedro Fiuza / Europa Press)
photo_camera Un home pasea por Lisboa cunha máscara (Imaxe: Pedro Fiuza / Europa Press)

Portugal rexistrou na quinta feira os peores datos diarios relativos ao novo coronavirus: 3.270 positivos máis e 16 falecementos.

Ante o incremento de casos, o Executivo portugués, presidido por António Costa, aprobou na quinta feira novas medidas que endurecen as restricións implantadas nesta segunda vaga e que camiñan na dirección das aplicadas en Estados da UE. Así, desde esta sexta feira fican prohibidas as reunións de máis de cinco persoas, como xa acontece no conxunto da Galiza.

A maiores, non se poderá circular entre municipios do 30 de outubro ao 3 de novembro, coincidindo coa festividade do 1 de novembro, cando moitos portugueses e portuguesas van aos seus lugares de nacemento para acudiren aos cemiterios.

A limitación da circulación non afecta as galegas e galegos, pois as fronteiras, fechadas durante meses, continúan abertas.

Ademais, decretáronse medidas máis duras para os tres concellos do norte máis afectados pola incidencia da pandemia: Felgueiras, Paços de Ferreira e Lousada. A partir da sexta feira, os habitantes destes concellos non poden saír dos límites municipais. Só poden saír da casa para facer a compra, para acudir ao centro de saúde ou á farmacia e para ir ás escolas, alén de por motivos laborais.

Máscara na rúa os próximos tres meses

Por outra banda, o Parlamento portugués aprobou hoxe a obrigatoriedade de levar máscara na rúa durante os próximos tres meses. Até o de agora só era obrigatoria nos lugares fechados.

No Estado español, notificáronse 8.000 novos contaxios nas últimas 24 horas e 155 falecementos máis.

Comentarios