Europa impón restricións para frear o virus

Os Gobernos europeos extreman as medidas para conter o virus. Mentres a segunda vaga da pandemia é unha realidade cada día máis preocupante, os diferentes Executivos dan un paso adiante nas súas propostas para evitar o colapso dos seus sistemas sanitarios. Porén, o peor da doenza aínda está por chegar.
Pasaxeiros con máscaras no metro de Londres (Europa Press)
photo_camera Pasaxeiros con máscaras no metro de Londres (Europa Press)

A resposta á pandemia sitúase no centro da axenda dos diversos Gobernos europeos. Así, por exemplo, Alemaña, un país que ten resistido relativamente ben a primeira vaga do coronavirus pola fortaleza do seu sistema público de saúde, tenta, agora, aguantar esta segunda onda fixando restricións na capacidade de bares e restaurantes, estabelecendo o recoller obrigatorio nocturno, fechando estabelecementos de hostalaría, limitando o número de participantes das reunións privadas e prohibindo o acceso a algúns lander da poboación procedente doutros cun índice de contaxio máis elevado.

A situación é moito máis complicada en Francia. Actualmente é o terceiro Estado con máis positivos de Europa, polo que o presidente Macron ten anunciado a semana pasada a entrada en vigor do recoller obrigatorio para evitar as reunión sociais, un dos motivos que segundo as autoridades francesas ten provocado o avance da pandemia. O recoller obrigatorio de 21 horas a 6 horas vaise manter durante seis semanas, afectando a seis millóns de persoas e cidades como París, Marsella, Lión, Lille, Grenoble, Montpellier, Toulouse, Rouen e Saint-Étienne. Esta medida implica a prohibición de todo desprazamento non xustificado e o fechamento dos locais de hostalaría a partir das 21 horas.

Bélxica é outro dos Estados máis golpeados do continente europeo nesta segunda vaga. As autoridades, moi preocupadas polo rápido avance da pandemia na última semana, manteñen o recoller obrigatorio entre as 00 e as 5horas prohibindo os desprazamentos sen autorización, cerrando bares e restaurantes, reducindo a capacidade das reunións privadas a catro persoas e limitando os contactos próximos a só unha persoa. Pola súa banda, o Goberno dos Países Baixos ten decretado o fechamento de bares, restaurantes e terrazas, a restrición das viaxes no transporte público ás “estritamente necesarias”, a prohibición da venda de alcohol desde a tarde ás 7 horas ou a limitación da concorrencia a teatros, cinemas ou centros de congresos.

Galés confínase

A resposta do Reino Unido difire en función das zonas. Galés atópase confinada, converténdose no primeiro territorio de Europa en volver a esta situación, estudando, actualmente o Goberno británico unha solución semellante para área de Manchester, tamén cunha taxa de incidencia da doenza moi elevada. Pola súa banda, en Liverpool, a cidade máis afectada pola pandemia, os locais de hostalaría permanecen clausurados, recomendado as autoridades non abandonar as zonas de restrición. Mentres tanto, no resto do Estado os bares permanecen fechados en horario nocturno e as reunións de máis de seis persoas prohibidas.

Italia, o epicentro da pandemia en Europa na primeira vaga e que está respondendo razoabelmente ben a esta segunda, non baixa a garda. Así aquelas zonas con máis positivos como a Campania e Lombardía, a área máis poboada e máis desenvolvida do pais atópanse desde a terceira feira en recoller obrigatorio, prohibíndose a mobilidade e toda a actividade entre as 23 e as 5 horas. Malia que a máscara so é obrigatoria naquelas rexións máis afectadas, a hostalaría debe ficar fechada desde a media noite e os alcaldes dispón das competencias para clausurar as zonas máis concorridas co obxectivo de evitar aglomeracións. O éxito da resposta gobernamental a esta segunda fase do coronavirus non se pode desligar das medidas de contención vixentes desde marzo que o Executivo non ten levantado en moitos casos desde aquela. 

O comportamento da pandemia non é uniforme en Portugal. O norte do país concentra o maior número de positivos cunha taxa de contaxios máis elevada que a zona de Lisboa, até o punto que os responsábeis dos centros de saúde da área metropolitana do Porto xa teñen advertido do risco de colapso da rede hospitalaria. Onte o mesmo, o primeiro ministro, Antonio Costa, nunha visita á zona do Vale do Sousa, a máis golpeada do país, ten descartado aplicar medidas máis contundentes, aínda que vai abrir a porta a un réxime máis restritivo para aquelas áreas con máis doentes. 

As palabras de Costa son consideradas por algúns como unha resposta ás declaracións do presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, que a finais da semana pasada afirmou que o país estuda a volta ao confinamento. A falta de que se confirme unha ou outra opción, a máscara é obrigatoria para os portugueses nos transportes públicos, tendas e supermercados, a distancia social entre a cidadanía sitúase en dous metros e as reunións sociais están limitadas a un máximo de cinco persoas.

Madrid, a excepción

Mentres toda Europa extrema as medidas de precaución para facer fronte á pandemia, o Goberno madrileño, presidido por Díaz Ayuso, empéñase en seguir un camiño distinto, fixando unha inexistente diverxencia entre saúde e economía. A experiencia chinesa ou as recomendacións do Fondo Monetario Internacional din todo o contrario.

Comentarios