S.O.S. dos concellos da 'raia' para abrir a fronteira entre a Galiza e Portugal

Os concellos da fronteira do Miño lanzaron hoxe un S.O.S. simbólico desde a Ponte da Amizade para reclamar a apertura de máis pasos que faciliten a mobilidade das e dos traballadores transfronteirizos a ambos lados da raia.
concellos minho SOS
photo_camera Imaxe do acto reivindicativo (Deputación de Pontevedra)

Os concellos da fronteira do Miño, da man dos seus alcaldes e alcaldesas e do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho, lanzaron hoxe un S.O.S. simbólico desde a Ponte da Amizade para reclamar a apertura de máis pasos que faciliten a mobilidade das e dos traballadores transfronteirizos a ambos lados da raia. A de hoxe foi a primeira protesta das e dos rexedores, que consideran “inxusto” que a fronteira que asume 50% de todos os tránsitos entre España e Portugal só teña habilitado un paso en Tui-Valença. Aseguran que a solución pasa se unicamente por poñer medios: controis da Garda Civil e dos GNR. “Mantendo todas as garantías, todos os controis sanitarios, pedimos máis pasos abertos”, subliñaron.

O acto reivindicativo destacou por ser a primeira acción conxunta das e dos 13 rexedores de ambos lados da fronteira (mandatarias de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço), ao que tamén se sumou o de Paredes de Coura (o 14). A través dos seus voceiros manifestaron que continuarán coas protestas até seren escoitados, tamén implicando á cidadanía, e incluso se negarán a celebrar a centenaria tradición do Acto de Recoñecemento de Fronteiras atéa que os gobernos centrais e responsábeis políticos escoiten e dean solucións ás súas reivindicacións.

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, lembrou que o 17 de marzo pecharon as fronteiras deixando unicamente nove pasos abertos entre ambos estados, só permitindo o de Tui-Valença no Miño pontevedrés. Destacou a importancia da fronteira do Miño, que con 70 quilómetros dos 1.200 de toda a raia entre España e Portugal, un 5%, asume o paso de 50% dos vehículos de España e Portugal. “ Estes alcaldes e alcaldesas representan unha poboación de 150.000 habitantes. Estamos a falar da fronteira con maior dinamismo social e económico de toda Europa”, subliñou.

Benítez destacou que a apertura de pasos para traballadores e traballadores vén xa de 28 de abril, cando os concellos fixeron unha declaración conxunta que se remitiu á Xunta e aos gobernos centrais español e portugueses. “Queremos a apertura total para os traballadores e traballadoras transfronteirizos nos pasos. É unha cuestión de medios, de ter gardas civís e GNR a controlar o paso transfronteirizo, igual que en Tui e Valença”, destacou o nacionalista, que subliñou que nestes momentos estase a trasladar á xente traballadora o custe económico de aumentar en centos os quilómetros para ir traballar.

Outras das demandas é que a desescalada se faga coordinadamente para que haxa coherencia entre un lado e outro da fronteira. “Non ten sentido que se permita abrir a Fortaleza de Valença do Miño cando non poden pasar os clientes de toda a vida que son a xente galega”, explicou Benítez.

Analizando o impacto

Pola súa parte, o vicedirector do AECT Rio Minho e presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira. Fernando Nogueira, destacou que a protesta se debe a que “sentimos que estamos a ser obxecto dunha inxustiza tremenda por parte dos nosos Estados. Non están a darnos a atención que merecemos”. Salientou que dos 64 pasos que existen entre España e Portugal 0s cinco con máis movemento de vehículos están no río Miño: a primeira Tui-Valença, a segunda Salvaterra-Monçao e a quinta Tomiño-Vilanova de Cerveira.

En canto ás cifras de impacto económico, Nogueira salientou que o AECT Rio Minho encargou un estudo á Universidade de Vigo, pero á falta dos resultados, dixo, “basta ser observadores para ver que está todo parado”. Indicou que só en Vila Nova de Cerveira hai 4.000 traballadores directos dos que mais de 20% son traballadores da Galiza. “Estes peches da fronteira son un problema. Os nosos gobernantes que están en Lisboa e Madrid aínda non coñecen esta realidade  e non o ven como algo prioritario. A maioría das fronteiras non teñen a importancia económica que ten a do Miño”, finalizou.

Comentarios