Portugal escolle domingo entre un Seguro progresista ou a Ventura da extrema dereita

A maioría da poboación lusa poderá votar este domingo o novo seu presidente. Os candidatos son o ex secretario xeral do Partido Socialista António José Seguro e o líder da ultradereitista Chega, André Ventura. Mais non todo Portugal votará. Varias asembleas de voto adiaron a súa participación polo temporal.
António José Seguro e André Ventura compiten domingo pola Presidencia da República. (Fotos: Europa Press / Contacto / Diogo Baptista - Europa Press / Contacto / Claudio Furlan)
António José Seguro e André Ventura compiten domingo pola Presidencia da República. (Fotos: Europa Press / Contacto / Diogo Baptista - Europa Press / Contacto / Claudio Furlan)

Con máis de 31% dos votos, o candidato apoiado polo Partido Socialista (PS) e ex secretario xeral da formación, António José Seguro, foi o gañador da primeira volta das eleccións presidenciais portuguesas o pasado 18 de xaneiro. Este domingo enfrontarase ao candidato apoiado polo Chega e líder dese partido, o ultradereitista André Ventura, que ficou en segunda posición con algo máis de 23,5% dos sufraxios, nuns comicios que decidirán quen será o próximo presidente da República.

Seguro, que cualificou como "pesadelo" unha eventual vitoria de Ventura, parte con clara vantaxe, segundo as enquisas, que o colocan ao redor de 67% dos votos e diante do seu rival, con 32%. Neste contexto, o socialista fechou a campaña cun acto en Matosinhos, no distrito do Porto. Pola súa parte, o candidato de ultradereita acabouna en Alcácer do Sal, no distrito de Setúbal, un dos concellos nos que se prevé o adiamento dos comicios ao 15 de febreiro pola situación de calamidade.

O candidato de extrema dereita escollía esta localización nun intento por deslexitimar os comicios (a pesar de que a propia lei non permite o seu adiamento xeral), e no medio das acusacións contra Seguro de estar máis preocupado dos votos que do temporal. "Queren facer eleccións con parte do país nun escenario de devastación. Sinto vergoña destes políticos!", afirmou Ventura, que tamén cargou esta sexta feira contra o pobo xitano, continuando coa súa mensaxe xenófoba. "Están mobilizados para votar Seguro para non perder os privilexios e o estado de impunidade permanente", dixo sobre este colectivo.

Adiamento parcial

Con todo, existe a posibilidade de que, matematicamente, non se coñeza este domingo quen resulta gañador. O actual presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, afirmou esta quinta feira que algúns municipios afectados pola borrasca 'Leonardo' poderían aprazar a votación da segunda volta das presidenciais. Neste sentido, miles de electores e electoras non poderán exercer o seu dereito ao sufraxio até o 15 de febreiro, unha vez que os concellos de Alcácer do Sal, Arruda dos Vinhos, Golegã, Leiria e Santarém xa comunicaron formalmente á a Comisión Nacional Electoral (CNE) de Portugal a súa decisión de adiamento das votacións ao non poder garantir a súa organización. Porén, non é posíbel precisar canta xente afectará esta situación, pois é posíbel que algunhas asembleas de voto menos afectadas destas localidades si opten finalmente por realizar os comicios. Ademais, até o propio día das eleccións, tamén é posíbel que outras asembleas se sumen á cancelación do voto.

Incluso se estimou a posibilidade de adiar o comicios no conxunto de Portugal, mais a CNE aclarou que a normativa portuguesa "non permite un aprazamento xeral das eleccións" e que "un estado de emerxencia, alertas meteorolóxicas ou situacións adversas" non son "motivo suficiente" para autorizalo. "A existencia dun estado de emerxencia, alertas meteorolóxicas ou situacións adversas de carácter xeral non constitúe, en si mesma, motivo suficiente para pospor a votación a nivel municipal ou estatal", indicou o organismo electoral nun comunicado no que advirte de que a lei lusa "non permite un aprazamento xeral das eleccións a nivel nacional".

Neste sentido, corresponde aos presidentes das Cámaras municipais decidir se se reúnen as condicións necesarias para constituír as asembleas de voto, mais non é legalmente posíbel declarar un adiamento xeneralizado das eleccións, sinalou o CNE. O organismo respondía así á proposta defendida por Ventura, que propuña adiar as eleccións na totalidade do territorio luso.

División na dereita

As formacións políticas á esquerda do PS, co Partido Comunista de Portugal (PCP) e o Bloco de Esquerdas como opcións máis representativas, pediron tras a primeira volta o apoio para Seguro coa intención de para a extrema dereita que representa Ventura.

Porén, o 'cordón sanitario' a Chega provocou división na dereita. Neste sentido, a pesar de que numerosas personalidades da formación e do ámbito conservador que o pediron, o líder do Partido Socialista Democrático (PSP) e primeiro ministro de Portugal, Luís Montenegro, evitou dar apoio a Seguro, e afirmou que non pide o voto por ningunha das opcións que optan á Presidencia.

Comentarios