Ponsatí asiste ao pleno da Eurocámara e di que non comparecerá o 24 de abril

A UE afirma que non recibiu información do caso por parte do Estado.
A ex conselleira Clara Ponsatí abandonando a sede xudicial. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)
photo_camera A ex conselleira Clara Ponsatí abandonando a sede xudicial. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)

A deputada no Parlamento Europeo por Junts e ex conselleira da Generalitat de Catalunya, Clara Ponsatí, desprazouse na mañá desta cuarta feira a Bruxelas (Bélxica) para asistir ao pleno da Eurocámara, horas despois de que o Xulgado de Instrución 4 de Barcelona a deixara en liberdade após o seu arresto ao volver de Bruxelas tras máis de cinco anos fóra do Estado español.

Ponsatí foi citada a declarar o 24 de abril por un presunto delito de desobediencia ao participar na organización do referendo de autodeterminación de Catalunya de 2017. Así e todo, o seu avogado, Gonzalo Boye, afirmou que "non ten ningunha intención de ir a un xulgado que non é o preestabelecido pola lei", e reiterou que foi vulnerada a inmunidade de Ponsatí como eurodeputada ao ser arrestada.

O comisario de Xustiza do bloque comunitario, Didier Reynders, indicou que as autoridades españolas non remitiron a información sobre o caso, polo que os seus servizos internos están a investigalo. Á vez, explicou que "hai disposicións que permiten proceder á detención" de parlamentarios da UE.

O arresto tamén derivou nun choque entre o Goberno español e o catalán. Desde Barcelona, o presidente catalán, Pere Aragonès, apuntou que o retorno de Ponsatí foi "nunhas condicións máis favorábeis que hai uns meses pola derrogación do delito de sedición", pactada con Madrid, insistindo en que a súa detención foi ilegal e amosa que o conflito co Estado está lonxe de rematar.

Membros do Executivo español como a ministra de Facenda, María Jesús Montero, subliñou que a detención de Clara Ponsatí reflicte que os independentistas exiliados terán que responder perante a Xustiza española, a pesar dos acordos para desxudicializar a política.

Comentarios