O Poder Xudicial fai tres anos sen renovación pola confrontación de PP e PSOE

O cambio no Consello Xeral tiña que afrontarse coa fin do mandato en 2018, mais o proceso está paralizado pola falta de achegamento entre as posturas do PSOE e o PP. A situación fixo que algunhas salas do Tribunal Supremo chegasen ao "colapso".
Entrada á sede de Poder Xudicial. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Entrada á sede de Poder Xudicial. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) suma este sábado tres anos de atraso na renovación dos seus membros, pois o mandato rematou oficialmente en 2018, pola incapacidade de PSOE e PP para atopar un punto de acordo sobre os seus novos vogais. Esta parálise, após a reforma operada para impedir que realizase nomeamentos na cúpula xudicial mentres seguise en funcións, abocou a algunhas salas do Tribunal Supremo a unha situación de "colapso".

Nun último esforzo negociador, o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, e o secretario Xeral do PP, Teodoro García Egea, estabeleceron o pasado mes de outubro un novo diálogo para renovar os órganos constitucionais cuxo mandato vencera. E así o lograron co Tribunal Constituciona, o Tribunal de Contas ou o Defensor do Pobo, pero o CXPX é a peza que segue pendente.

O impedimento para ter un acordo neste estamento é o sistema de elección dos doce vogais procedentes da quenda xudicial.

O PP reclama que se modifique a lei como primeiro paso para que os xuíces sexan elixidos polos propios xuíces. Logo procederíase á renovación.

No entanto, o Goberno do estado español non fecha a porta a esa reforma normativa pero pensa que a orde correcta para afrontala é fechar inicialmente os cambios no Poder Xudicial.

Con estas posturas, as fontes próximas á negociación que foron consultadas por Europa Press non ven posíbel que vaia haber un achegamento das posturas que permita a renovación antes de que finalice o ano.

Malestar da xudicatura

Así se presenta o feche de 2021 a pesar de que o presidente do CXGX e do Tribunal Supremo (TS), Carlos Lesmes, volveu denunciar, con motivo da apertura do ano xudicial o pasado 6 de setembro, a "insostíbel" situación do órgano de goberno dos xuíces, instando ás forza políticas a que deixen este asunto fóra de loita " partidista" para avanzar.

Lesmes alertou de que a falta de renovación non é só un problema para a xudicatura, senón tamén para o conxunto da sociedade española, xa que "foi deseñado pola propia Constitución para garantir a independencia no exercicio da función xudicial".

Comentarios