Opinión

Xuíces escollen xuíces?

O ministro Bolaño fixo unhas declaracións, duramente contestadas en moitos medios, sobre a conveniencia de que non sexan os propios xuíces os que escollan os seus órganos de dirección amparándose na vella doutrina da separación de poderes. Doutra esta que ten moito máis de mito que de realidade, como pode comprobar calquera que teña estudado un pouco a forma en que o poder se exerce no mundo, se ben é certo que nalgúns sitios gardan mellor as formas que noutros. Entendo que o ministro ten ben máis razón ca que lle queren dar, pois non é lóxico que un dos poderes do Estado non teña ningún tipo de control externo, mentres que os demais si o teñen. Os xuíces son persoas como os demais e a tentación de exercer o poder é grande. Puidemos ver hai pouco no Brasil como un ambicioso xuíz foi quen de pór en cuestión un goberno electo para despois pasar a formar parte dun goberno posterior ao deposto.  E sen ir máis lonxe e sen chegar a este extremo todos lembramos actuacións nesa liña por parte dalgúns xuíces en ámbitos políticos máis próximos.

O certo é que os xuíces xa contan cun apreciábel grao de autonomía. Son eles quen determinan que tipo de formación debe ter un xuíz e estabelecen, por exemplo, que só un licenciado en Dereito pode selo, cando outro tipo de coñecementos ou formación poderían tamén ser ben acaídos, e nalgúns casos incluso convenientes. Os xuíces deciden en cuestións económicas e empresariais sen ter moito coñecemento e causando as veces danos severos. Asesorados xuridicamente, da mesma forma en que o xuíz xurista busca asesoramento puntual, expertos nestas materias poderían exercer a xudicatura  tamén. Determinan a forma de acceso á profesión, ben a través dunha oposición cuxos membros son tamén membros da carreira xudicial, xuíces e fiscais, de parecida formación á do opositor ou da chamada cuarta quenda e tamén determinan tanto o contido da oposición como a formación xurídica que levarán posteriormente na Escola de Práctica Xudicial. A oposición é un bo sistema pero non o único,  pois poden concibirse sistemas de xuíces electos ou ben ser seleccionados por órganos externos a propia carreira.  Unha vez estabelecidos os ascensos e traslados son determinados por eles mesmos, a través do Consello Xeral do Poder Xudicial, composto até onde eu sei só de xuíces. E se un xuíz comete algún abuso será xulgado, como non, por outros xuíces, o que podería ser visto como unha sorte de privilexio do que non desfruta ningún outro colectivo, nin sequera os outros poderes.

O ministro, o que, ao meu ver con certa razón, pretende é simplemente que o parlamento escolla entre os xuíces algúns para conformar os seus órganos de goberno. Os xuíces non son unha profesión máis, senón un poder estatal, e por tanto deberían estar suxeitos a algún tipo de control externo, igual que o executivo ou o lexislativo. O sistema tampouco ten funcionado tan mal e non é necesario reformalo por completo. Ademais a propia elección por parte dos xuíces dos seus representantes non evitaría de todo a influencia política nos seus órganos de goberno, dado que moi probablemente as eleccións e a escolla dos seus dirixentes daríase por medio das plataformas nas que estes están agrupados e que están máis ou menos asociadas ás principais correntes políticas que operan no país. Por desgraza o único que non se reclama neste debate é a posibilidade de ter máis autonomía na conformación do Tribunal Superior de Xustiza Galego e que o Parlamento e o goberno da Xunta poidan ter algo de voz na súa conformación.

Comentarios