Suecia dá un paso máis cara á súa integración na OTAN

O Parlamento sueco emite un informe polo que agardaba o Goberno de Magdalena Andersson que sostén que o ingreso na organización militar "reduciría o risco de sufrir un ataque de Rusia".
A primeira ministra de Suecia, Magdalena Andersson. (Foto: Ninni Andersson / Regeringskansliet)
photo_camera A primeira ministra de Suecia, Magdalena Andersson. (Foto: Ninni Andersson / Regeringskansliet)

Se na quinta feira o Goberno de Finlandia facía público o seu desexo de incorporarse á OTAN, esta sexta foi a quenda de Suecia. O Parlamento deste país emitiu un informe que conclúe que a adhesión "reduciría o risco de sufrir un ataque ruso".

No caso de que Suecia quedase fóra da Alianza, sostén o documento, "non tería as garantías de seguridade que implica ser membro" e que supoñen "un risco máis baixo de accións unilaterais" por parte da Federación Rusa.

Este informe non fixa unha posición concreta sobre a entrada na organización militar; porén, o Goberno sueco, que lidera Magdalena Andersson, estaba á espera das súas conclusións para dar o paso definitivo, como xa fixeron os seus veciños finlandeses.

O domingo o Partido Socialdemócrata —actualmente no poder— anunciará a súa posición definitiva, e na segunda feira decorrerá un debate extraordinario na Cámara sueca sobre esta cuestión, polo que aí podería producirse a confirmación.

Finlandia quere unirse "sen demora"

Nna mañá desta quinta feira o presidente de Finlandia, Sauli Niinisto, e a primeira ministra, Sanna Marin, emitiron un comunicado conxunto no que salientaban que o ingreso na OTAN "fortalecería a seguridade de Finlandia e Finlandia, como membro, fortalecería toda a alianza de defensa".

"Finlandia debe solicitar a adhesión sen demora. Agardamos que os pasos aínda precisos a nivel nacional para alcanzar esta solución sexan dados rapidamente nos vindeiros días", subliñaron.

Rusia avanza "represalias de carácter militar"

O Ministerio de Exteriores ruso apuntou esta quinta feira que a adhesión de Finlandia á Alianza Atlántica desencadearía "represalias de carácter militar-técnico e doutro tipo".

"Ingresar na OTAN tamén será unha violación directa das obrigacións legais internacionais de Finlandia, principalmente o Tratado de Paz de París de 1947, que establece a obrigación das partes de non entrar en alianzas nin participar en coalicións contra un deles", advertiron, nun anuncio que sería extensíbel tamén a Suecia.

Comentarios