Euskal Herria

O PNV comunica a Urkullu que non será o candidato a lehendakari en 2024

A formación busca unha imaxe de modernidade.

O presidente de Euskadi, Iñigo Urkullu, anunciou en rolda de prensa a cita electoral (imaxe: Mikel Arrazola)
photo_camera O presidente de Euskadi, Iñigo Urkullu. (Foto: Mikel Arrazola)

O Euzkadi Buru Batzar (EBB), a dirección do Partido Nacionalista Vasco (PNV), comunicou ao lehendakari Iñigo Urkullu que non repetirá como candidato nas próximas eleccións lexislativas vascas, unha cita que -ao igual que as galegas- será en 2024. Así o adiantou esta sexta feira o xornal El Correo e confirmaron outros medios estatais.

No marco das enquisas que dan opcións a EH Bildu de converterse en primeira forza no Parlamento e tras unha caída de sufraxios nos comicios municipais, forais e estatais deste ano, o PNV buscaría un golpe de efecto na pugna que mantén con EH Bildu e, segundo a dirección da formación, ofrecer unha imaxe de modernidade que non implicaría mudanzas no tocante á liña política.

Aínda que o lehendakari Urkullu encadea desde 2012 tres lexislaturas á fronte do Goberno vasco, multiplicáronse nos últimos exercicios as críticas á deterioración dos servizos públicos no territorio, especialmente a educación e a saúde.

Desde o EBB non desmentiron nin confirmaron a información, e limitáronse a trasladar, nun comunicado, que "non deu inicio aínda o proceso para a configuración das candidaturas coas que o PNV concorrerá ás próximas eleccións vascas".

Neste sentido, aseguran que "está previsto que a Executiva nacional jeltzale aborde este asunto" na reunión prevista para a vindeira segunda feira, 27 de novembro. Ese día porase en marcha de forma oficial o proceso de deseño de candidaturas para as votacións en Euskadi. Andoni Ortuzar, o presidente do PNV, cargo que ocupou de 2007 a 2012 o propio Urkullu, apuntara 24 horas antes que estaba “todo aberto” na elaboración das listas.

Nos últimos meses foran frecuentes as interpelacións da prensa ao lehendakari sobre se sería o candidato do PNV a unhas eleccións que aínda non teñen data definida. Con cautela, o mandatario vasco sempre apuntara a que esa sería unha decisión da súa formación. Sexa como for, antes da fin do seu Goberno fican pendentes de aprobar normas relevantes como os orzamentos vascos de 2024 ou a proposta dunha nova lei de educación.

Potenciais candidaturas

Entre os nomes mencionados pola prensa española como potenciais substitutos de Urkullu á fronte da candidatura do PNV está o de Izaskun Bilbao, ex presidenta do Parlamento e representante no lexislativo da Unión Europea da forza vasca desde 2009, ou Unai Rementeria, que se desempeñou como ex deputado xeral de Bizkaia.

Comentarios