Urkullu insiste nun referendo sobre a monarquía

Apunta a un "problema" de "lexitimación da institución".
O presidente de Euskadi, Iñigo Urkullu, anunciou en rolda de prensa a cita electoral (imaxe: Mikel Arrazola)
photo_camera O presidente de Euskadi, Iñigo Urkullu (Foto: Mikel Arrazola)

O lehendakari, Iñigo Urkullu, insistiu esta terza feira na necesidade de celebrar un “referendo xeracional” sobre a monarquía parlamentaria para a lexitimación e pervivencia desta institución, se a maioría dos cidadáns optase por manter "esta fórmula".

Urkullu respondeu, desta forma, ás preguntas dos xornalistas sobre as investigacións ao rei emérito, Juan Carlos I, por supostas actuacións irregulares, e o discurso do Nadal do xefe do Estado, Felipe VI, nas que, sen aludir ao seu pai, puxo en valor "os principios morais e éticos" que "obrigan a todos sen excepcións", por encima de "calquera consideración, da natureza que sexa, mesmo das persoais e familiares".

Durante unha rolda de prensa celebrada en Gasteiz, tras a aprobación polo Gobierno Vasco do seu Programa de Recuperación e  Resiliencia, o lehendakari afirmou que "non é un problema de discurso, senón de lexitimación da institución".

"Neste sentido, eu veño avogando pola necesaria reflexión da institución da monarquía, no seu caso, atendendo ás circunstancias da súa existencia nesta etapa democrática que caracterizaron á propia institución da monarquía, como a  inviolabilidade da figura do monarca, a necesidade da transparencia e o control da institución da monarquía ou, mesmo, a posibilidade dun referendo xeracional para a pervivencia da institución, no caso de que unha maioría da poboación así o decidise", apuntou.

Por iso, considerou que, se se sometese a institución monárquica a ese referendo e se unha maioría cidadá apostase por esta manter esta fórmula, "a monarquía parlamentar actual no Estado español estaría moito máis lexitimada que o que está actualmente".

Comentarios