Pérez Esquivel alerta de que a Covid-19 deixa máis “desigualdades sociais” en América Latina

O que fora Premio Nobel da Paz en 1980 culpa de gran parte da pobreza previa ao virus ás alianzas de certas correntes políticas cos Estados Unidos. Aos "golpes de Estado" que complicaron a situación, súmase a falta de políticas sanitarias para loitar contra a Covid-19 tanto en Latinoamérica como noutros lugares do mundo.
Un momento da intervención de Pérez Esquivel. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un momento da intervención de Pérez Esquivel. (Foto: Nós Diario)

“A Covid-19 puxo sobre a superficie fortes desigualdades sociais, políticas, económicas... dos países de Latinoamérica con respecto ao resto do mundo”. Cunha idea moi simple pero reveladora valorou o Premio Nobel da Paz en 1980 e activista polos dereitos humanos Adolfo Pérez Esquivel a situación que vai quedar en 'América Latina após a Covid-19'.

Invitado a unha nova sesión da iniciativa 'Diálogos desde a periferia' que organiza a Fundación Galiza Sempre -desta vez coa colaboración da Deputación coruñesa e con Rubén Cela como presentador- o experto quixo deixar claro o escenario que había en América Latina cando apareceu o coronavirus.

Esquivel advertiu de que existen varias “pandemias”, pois nos distintos países a xente loita contra a fame, a pobreza, a exclusión social... E agora o virus. Neste sentido apuntou certa culpabilidade aos “mecanismos de escravitude e dominación dos pobos por parte do gran capital, que expolia aos máis pobres”.

Máis aló das ditaduras militares, o recoñecido activista puxo o foco na historia máis próxima dos países de Latinoamérica. Destacou que xa non se usan exércitos pero si “á Policía e á Xustiza” para cambiar as cousas nos Gobernos.

A situación previa á pandemia, con desigualdades e profundos problemas, viu dada, contou polos golpes de Estado que se foron sucedendo “en Honduras, Paraguai, Brasil...”. Desde último lembrou que, cando tivo oportunidade de falar no Senado, deu un dos discursos máis curtos que fixo na vida: “Están a preparar un golpe de Estado contra a presidenta Nilma Rousseff”.

“O obxectivo era impedir que Lula se presentase novamente a través dun acordo cos Estados Unidos”, un país ao que ve detrás de todos os cambios para mal. Por exemplo, sostivo que “Bolsonaro está facendo un gran dano non só ao pobo senón ao Amazonas, co desprezo aos diferentes...”.

En contraposición, puxo o exemplo de Lula mesmo “recoñecido pola FAO”. “Sacou da miseria extrema a 40 millóns de homes e mulleres cunha campaña de fame cero”, reflexionou.

"Estados Unidos non ten aliados"

Tamén tivo tempo de pensar na situación vivida por Evo Morales ou a loita para “impedir que a Colombia regrese a paz” pensando, supostamente, nos beneficios das grandes corporacións. E deu pinceladas dos “bloqueos” a Cuba e Venezuela.

“Pensan que Estados Unidos é un aliado pero Estados Unidos non ten aliados; ten intereses económicos e políticos”, avisou Pérez Esquivel.

Sen políticas sanitarias

Con este panorama na maior parte dos estados, a pandemia viu a remarcar as dificultades polas que pasan. En lugares como Brasil a realidade da infección “é un drama”. Como contraposición só puido pór que algúns pobos indíxenas están a “recuperar as linguas, a identidade, a súa memoria” -até lamentou que en España costase tanto mirar á Guerra Civil- e que as mulleres gañan presenza en todos os ámbitos.

Con este panorama na maior parte dos estados, a pandemia viu a remarcar as dificultades polas que pasan. De feito, mesmo alertou de que outros países en mellores circunstancias como Estados Unidos ou algúns de Europa están a padecer moito o virus porque “coas políticas neoliberais privatizaron a vida e non hai políticas sanitarias para o pobo”.

Comentarios